Era Cristóbal Colón galego? Xenetistas tentan determinar a súa orixe coa investigación "máis ambiciosa" feita até agora

Participarán cinco laboratorios de identificación xenética de Europa e América.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/05/2021 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

Un equipo multidisciplinar dirixido polo catedrático de Medicina Forense da Universidade de Granada, José Antonio Lorente, acometerá a análise xenética dos restos óseos de Cristóbal Colón facendo uso das últimas tecnoloxías para tratar de coñecer a súa verdadeira procedencia, no marco dun ambicioso proxecto no que participarán cinco laboratorios de identificación xenética de Europa e América e que podería estar culminado para o 12 de outubro.

Unha imaxe de Cristóbal Colón.
Unha imaxe de Cristóbal Colón.

Deste xeito retómase a fase final dun proxecto de investigación que permaneceu "parado" os últimos 16 anos á espera de avances tecnolóxicos que permitisen afrontar con "certas garantías" este proceso, segundo detallou este mércores en Granada o doutor Lorente.

Cristóbal Colón faleceu o 20 de maio de 1506 en Valladolid, deixando como interrogante a súa verdadeira orixe. A idea máis estendida é que foi un xenovés (Italia) fillo dunha familia de tecedores, pero hai numerosas teorías que cuestionaron o seu lugar de nacemento. Algunhas delas localizan a súa procedencia en diversas partes de España, pero moitas outras apuntan a lugares como Portugal, Croacia e mesmo Polonia.

A fase final deste proxecto será posible despois de que hai case vinte anos o doutor Lorente dirixise o equipo multidisciplinar que logrou exhumar o sepulcro do almirante, situado na Catedral de Sevilla, e extraer parte dos restos para o seu posterior estudo.

Así 515 anos despois da súa morte, os restos óseos atribuídos ao descubrirdor de América, ao seu fillo Hernando e ao seu irmán Diego sairán da cámara de seguridade da Universidade de Granada para ser analizados na propia universidade e trasladados a outros laboratorios de identificación xenética de Europa e América. Dous deles, un situado en Florencia e outro en Estados Unidos, traballarán de forma "illada" e independente".

Outros dous laboratorios, un de Roma e outro de México, irán apoiando este labor, mentres que o equipo tamén estará en contacto con outro centro especializado en identificación xenética. O obxectivo é obter "a maior cantidade de información posible", de modo que cando remate o proceso os distintos centros poidan pór en común os datos obtidos e sacar conclusións.

Lorente recoñece que existen "limitacións", sendo o peor escenario que ningún dos laboratorios poidan obter o ADN necesario para afrontar este estudo, que ten un orzamento duns 30.000 euros. "Non imos forzar as circunstancias que nos poidan levar a unha conclusión errónea e que nun tempo alguén poida dicir que o que se fixo está mal feito", agregou Lorente para incidir no rigor co que se afronta esta fase.

Os seus impulsores afirman que se trata da investigación científica "máis ambiciosa" sobre a orixe Colón, que recompila o traballo desenvolvido polas diferentes teses xurdidas ata o momento. Valencia, Portugal, Cataluña, Galicia, Navarra ou Mallorca serán algunhas das posibilidades que serán analizadas comparativamente polo equipo do doutor Lorente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta