A universidade privada de Abanca sairá adiante co único apoio do PP: "é compatible coa pública"

BNG e PSdeG deixaron claro o seu rexeitamento á medida. Protesta ante a Cámara.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/05/2021 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

A futura lei para a creación da Universidade Intercontinental da Empresa, a primeira privada en Galicia impulsada por Afundación de ABANCA, seguirá a súa tramitación parlamentaria tras superar o debate da totalidade, no que tanto BNG como PSdeG mostraron o seu rexeitamento a esta iniciativa por considerar que "duplica" a oferta das universidades públicas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, foi o encargado de defender o proxecto de lei no pleno da Cámara galega, onde destacou que se trata dunha iniciativa dunha fundación sen ánimo de lucro que "aposta polo ensino superior e ten vocación de ser útil e diversificar a oferta educativa".

Todo iso, indicou, "sen menoscabo do bo facer das universidades públicas". Así, incidiu en que é "compatible" coas institucións educativas públicas ao incrementar a oferta "dunha maneira compatible". En fronte, os dous grupos da oposición, BNG e PSdeG, coincidiron ao mostrar o seu rexeitamento a esta iniciativa por considerar que duplica as titulacións que xa se ofertan na universidade pública.

Tanto os nacionalistas como os socialistas presentaron emendas de devolución, defendidas polos deputados Manuel Lourenzo (BNG) e Noa Díaz (PSdeG), que foron rexeitadas cos votos do grupo popular.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no pleno. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no pleno. XUNTA

PROTESTA

Un cento de persoas, convocadas pola Plataforma en defensa da universidade pública, concentráronse este martes ante a Cámara galega para mostrar o seu rexeitamento á creación dunha universidade privada en Galicia por considerar que "só busca o negocio" e prexudicará as tres universidades públicas.

Fronte ao Pazo do Hórreo, o secretario xeral de CIG-Ensino, Suso Bermello, sostivo que este proxecto supón "a traca final para fixar un torpedo na liña de flotación do sistema universitario galego". "O que fai o Partido Popular é literalmente abrir as portas para que se abra un nicho de mercado inexistente en Galicia, o da educación superior", advertiu.

"É un ataque sen precedentes á educación universitaria deste país", insistiu o sindicalista, que considera que as titulacións que oferta esta universidade privada "non achegan nada novo" e só "duplican" a oferta xa existente, unha cuestión que "Feijóo non lle permite á pública".

Nesta liña, a secretaria xeral da Federación de Ensino de CCOO, Luz López, sostivo que a Xunta "xa lle abriu as portas á universidade privada no momento no que aprobou unha lei galega de universidades" que introduce "uns requisitos mínimos para que calquera chiringuito se poida constituír como universidade".

"Así como son moi estritos para aprobar determinados másteres ou graos na universidade pública, agora van permitir que se cre unha universidade privada con títulos que xa están a funcionar na pública", censurou a sindicalista, que sostivo que este feito fará que se "vaia reducindo o alumnado en determinadas titulacións", o que "levará á desaparición destas na pública".

Todo iso, incidiu terá "consecuencias" tanto nos postos de traballo do sistema público como "na poboación xeral", tendo en conta que "os futuros alumnos terán menos onde poder escoller as titulacións que poidan cursar" xa que "van quedar restrinxidas á públicas unhas contas titulacións que non sexan apetecibles para a privada".

Pola súa banda, Benjamín Rey, de UGT, incidiu en que a este proxecto "só lle interesa vender os títulos". "O primeiro paso é que os graos xa non son de catro anos como na pública, senón que son de tres", asegurou.

Tras iso, afirmou que o acceso de profesores producirase sen a necesidade dun "concurso público de méritos", un requisito que cualifica de "fundamental" para "garantir a calidade do profesorado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta