Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2021 | Actualizada ás 21:45
Continúan as mobilizacións do persoal “en fraude de lei” do Consorcio galego de servizos, dependente da Xunta de Galicia. As protestas comandadas pola CNT suman así a sétima xornada de folga --desenvolta un día á semana-- e á que está convocado todo o persoal en “abuso de temporalidade”, que de acordo coa Confederación é un caso “maioritario” dentro deste organismo responsabilidade da administración autonómica.
Dende a formación sindical valoran “moi positivamente” esta sétima xornada de folga, xa que, segundo cifran, o seguimento total estase a manter arredor do 50% das persoas convocadas, “cunha importante participación en case a totalidade dos centros de traballo”, entre os que citan os pertencentes á Mariña, Lugo, Ferrolterra, Coruña, Compostela, Barbanza, Salnés, Morrazo, Vigo e Ourense; rúas todas elas onde a demanda de “estabilidade laboral” foi “ruidosamente visibilizada”, segundo subliñan. Dende o sindicato subliñan tamén o feito de que, de non aplicar os servizos mínimos “abusivos” actualmente impostos, “a participación na folga sería moito maior”.
A CNT salienta deste xeito que o seguimento da folga e as protestas estase a "incrementar" co paso das xornadas de folga e anuncia que o persoal do Consorcio extenderá as súas mobilizacións "aínda máis" no seguinte día de folga convocado para o 8 de xuño. Este anuncio chega despois de que a Confederación criticara de forma aberta que a suposta negativa da xerencia do Consorcio a negociar unha saída para estas persoas que demandan estabilidade laboral.
AS MULLERES, MÁIS AFECTADAS
A formación critica, deste xeito, un modelo de contratación que, segundo apuntan, viría herdado dos anos do bipartito e tivo como consecuencia consecuencia o establecemento dunha “forma permanente de precariedade laboral”, creando unha temporalidade “estrutural” “que afecta maioritariamente a mulleres, que supoñen por volta do 90% do persoal do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.