Arrinca con "satisfacción" a vacinación da segunda dose de Astrazeneca a menores de 60 anos

O xerente da área sanitaria de Ourense destaca o bo funcionamento do consentimento informado.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 27/05/2021 | Actualizada ás 15:37

Comparte esta noticia

A vacinación das segundas doses de Astrazeneca aos colectivos esenciais menores de 60 anos arrincou este xoves na área de Ourense con "ambiente de satisfacción" dos usuarios, segundo destacou o xerente, Félix Rubial. A programación das doses para completar a pauta esténdese xa a toda Galicia, segundo informou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Un mozo acode a recibir unha dose da vacina de AstraZeneca no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a 27 de maio de 2021
Un mozo acode a recibir unha dose da vacina de AstraZeneca no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a 27 de maio de 2021 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Antes de iniciarse este proceso, o Sergas realiza unha consulta aos cidadáns para coñecer se optan pola vacina de Astrazeneca, a que recomenda o Sergas, ou por Pfizer, como acordou a comisión de vacinas do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. En ambos os casos, os galegos teñen que asinar un consentimento informado.

O conselleiro de Sanidade indicou que o nivel de adhesión está en torno ao 87 por cento en todas as áreas, mesmo chega ao 90 por cento nalgúns casos. Este mércores, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que o Sergas dispuña das doses suficientes para proseguir coa inmunización das segundas doses a aqueles que optaban por Astrazeneca e contan que coas que cheguen no mes de xuño, se poida realizar en xullo a inmunización dos maiores de 60 anos aos que lles toque administrarse a segunda dose.

En declaracións este xoves, o xerente da área sanitaria de Ourense asegurou que o ambiente foi de "satisfacción" xeneralizada ao poder elixir os convocados que vacinas recibir entre unha segunda dose de AstraZeneca ou continuar a súa pauta con Pfizer.

CHAMADOS A VACINARSE

Concretamente, nesta área está prevista a vacinación para 10.000 ourensáns menores de 60 anos que recibiron a primeira dose de Astrazeneca. En toda Galicia son 93.000 os convocados, dos cales ao redor de 60.000 son traballadores esenciais.

Nesta primeira xornada, foron convocados 1.280 ourensáns nos tres hospitais da área: 850 persoas no Complexo Hospitalario Universitario de Ouerense; 230 no Comarcal de Verín e 200 no Barco de Valdeorras.

Segundo trasladou o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, a maior parte elixiu Astrazeneca:"Sobre o 87% dos convocados elixiu a mesma vacina".

Así, explicou que, "para non desperdiciar ningunha dose e ter o número de vacinas necesarias", previamente á citación realizáronse chamadas aos convocados, co fin de que expresasen "o desexo de vacinarse con Astrazeneca".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta