O crowdfunding releva o “porta a porta” para financiar as Festas do Barrio de San Pedro, en Santiago

Un dos barrios máis activos da capital galega lanza unha campaña telemática para conseguir fondos de cara á celebración das súas festas do 2021.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A pandemia cambiouno todo; mesmo a forma de reunir fondos para as celebracións dos barrios e vilas. “Xente festeira, este ano non podemos pasar polas vosas casas e establecementos; así que aquí podedes colaborar coas festas do barrio”. Así presenta a Asociación Cultural do Barrio de San Pedro, un dos máis significativos da cidade de Santiago de Compostela, o proxecto de financiamento das festas do barrio de San Pedro 2021 a través dunha campaña telemática en goteo.org. Polo momento levan recaudado máis de 900 euros, e contan con 39 días para acadar o mínimo (4.000 euros) ou achegarse e mesmo superar o óptimo (8.000 euros).

Festas no Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela
Festas no Barrio de San Pedro, en Santiago de Compostela | Fonte: Asociación veciñal do Barrio de San Pedro

O Barrio de San Pedro preséntase coma un lugar “cheo de vida, preocupado pola súa veciñanza, que se coida e aposta pola colectividade”. As súas festas, que levan máis de 17 edicións celebradas, son a mostra máis evidente deste “amor de barrio”, como indican. Este ano, aínda marcado pola pandemia e ante a imposibilidade de recoller os fondos porta a porta, o barrio decidiu lanzar unha campaña telemática para financiar as súas festas. “Non poderemos facer moitas das cousas doutros anos, pero queremos que todo o barrio se vista de festa!”, sinalan. 

A celebración, que está prevista para desenvolver entre o xoves 24 e o domingo 27 de xuño, contará con “actuacións en locais de entidades do barrio, pasarrúas, música, cine, romería e outras moitas sorpresas”. “Todas as actividades pensadas para garantir a saúde e protección de todes pero sen deixar de lado a festa”, aseguran dende a Asociación Cultural.

Con toda a ilusión posta nestas festas, a Comisión organizadora diríxese “a toda a veciñanza, amigues, establecementos e todas aquelas persoas que teñen como referencia o barrio de San Pedro, que o ven como un lugar distinto onde celebrar unhas festas, facer barrio, apoiar a cultura ou o asociacionismo” para recadar os fondos necesarios para levar adiante eses días de celebración e colectividade. “Temos aforros destes anos, pero necesitamos a colaboración telemática mediante este goteo de pequenas colaboracións”, sinalan.

“Que vos parece lucir de festa durante eses días? Que viva o Barrio de San Pedro!”, botan como broche final. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta