Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2021 | Actualizada ás 19:37
A Cidade da Cultura despediu este domingo a exposición 'As miradas de Isaac' cun concerto no Museo Centro Gaiás do cuarteto de corda Grupo Instrumental s. XX con todas as entradas, previa retirada de invitación, esgotadas.
Así se clausurou a primeira gran mostra realizada pola Xunta de Galicia en homenaxe á figura de Díaz Pardo, con motivo de cumprirse en 2020 o centenario do seu nacemento, e que recibiu máis de 26.000 visitantes durante o seis meses da súa exhibición no Museo Centro Gaiás, desde o pasado 6 novembro ata este 30 de maio.
A este número súmanselle os preto de 2.500 escolares de Educación primaria que profundaron nos contidos da exposición a través de visitas didácticas en liña realizadas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás e emitidas en directo a través da canle de Youtube da Cidade da Cultura.
'As miradas de Isaac' tiña previsto finalizar a súa estancia no Museo Centro Gaiás a principios de abril, pero finalmente ampliouse ata finais de maio para paliar as limitacións de visitantes que supuxeron as restricións na actividade e mobilidade que se activaron, en determinados momentos da pandemia, como medidas de seguridade sanitaria.
Tras o peche este domingo da exposición no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela, 'As miradas de Isaac' empezará nas próximas semanas un programa de itinerancia por varias cidades galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.