Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 11/11/2013
Velaí a recente perda de ducias de postos de traballo na Consellaría de Traballo e Benestar por mór da aprobación da súa relación de postos de traballo.. Por outra banda, ninguén pode negar o curto da remuneración dos nosos sanitarios, mestres, bombeiros ou policías, mais esta insuficiencia retributiva predícase tamén dos funcionarios da Administración xeral autonómica ou local e, tamén, da Administración de Xustiza.
O problema das retribucións agrávase, asemade, pola carga de traballo que as suicidas políticas de austeridade impoñen no sector público. A Consellarían de Xustiza non achega substitutos para baixas e vacacións, penalizando de primeiras ao conxunto dos funcionarios que han cobrir o déficit xerado polos compañeiros non substituídos e, ulteriormente aos cidadáns usuarios.
Ademáis, a prohibición das reposicións de vacantes por xubilación manca os servizos públicos e prexudica a imparcialidade da súa prestación. Se un concello galego ten un único enxeñeiro e éste xubílase non se vai cobrir a súa vacante. Xa que logo, o concello terá que buscar os seus servizos nunha consultoría privada, probábelmente ben máis mandadiña aos desexos do alcalde. U-lo aforro? E xa non falemos do dano que lle vai causar no próximo futuro á Sanidade galega a xubilación obrigada aos 65 de todos os seus médicos.
Os nosos servidores públicos son bos, demostrárono abondo a noite do accidente do Alvia. E traballan por poucos cartos en contornas complexas. Isto non quita recoñecer que os autónomos traballemos tamén nunhas condicións difíciles, mais non existe confrontamento entre os intereses duns e doutros. O que poden existir son dirixentes políticos interesados en xerar este conflito.
A arrincadeira: suvencionan o ensino segregacionista
Moi mal amosa andar o Goberno do Estado de prioridades. Velaí a blindaxe das axudas e subvencións ás touradas, ao recoñecelas patrimonio inmaterial e as subvencións aos colexios que segregan por sexo, até de agora ilegais e agora incorporadas á nova LOMCE. Mentres, avanza o deterioro do ensino público.