Por E.P. | OURENSE | 31/05/2021 | Actualizada ás 20:13
A xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou este luns a concesión de case un millón de euros en subvencións a unha vintena de concellos, entidades económicas, sociais e deportivas.
Diso informou a institución provincial nun comunicado, no que explica que a reunión estivo presidida por Rosendo Fernández tendo en conta que o presidente Manuel Baltar acudía a esa hora a Expourense para ser vacinado contra a covid-19.
En concreto, no ámbito de cooperación cos concellos, autorizouna destinar ao Concello de Barbadás un total de 200.000 euros para reparar o firme na avenida Celanova da Valenzá. Ademais, aprobou unha partida de 115.000 euros para arranxos no campo de fútbol do Barco de Valdeorras; outra de 48.000 para que Castrelo de Miño adquira unha nave de uso municipal; así como outros 48.000 euros para a construción dunha nave de maquinaria en Castrelo de Val.
Tamén deu luz verde a un investimento de 15.000 euros a Cortegada para a realización dun documental sobre o camiño Miñoto-Ribeiro; a unha partida de case 92.700 euros para as obras de humanización da rúa Casanova de Leiro; así como a 34.500 euros para o asfaltado de varios núcleos do municipio da Merca. Así mesmo, destinará 12.500 euros a Montederramo para que adquira maquinaria municipal.
PREMIOS DE NARRACIÓN E ILUSTRACIÓN
No capítulo cultural, a xunta de goberno deu o visto e prace ás bases do XVIII premio de narración e ilustración Pura e Dora Vázquez, dotado con 1.500 euros en cada unha das súas modalidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.