Críticas ao proxecto da Xunta con Reganosa: "é un atentado contra o medio ambiente"

Diversas asociacións ecoloxistas cargan contra unha iniciativa para conseguir enerxía a partir de xurros: "segue a ser contaminante aínda que se chame 'bio'".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2021 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

Coa industria galega achegándose a unha fin de ciclo, a Comunidade vive inmersa nun proceso de reconstrución con varias posicións enfrontadas. Por un lado está a Xunta, que camiña da man dos principais promotores destas industrias de cara a un mantemento no tempo da súa actividade. Da outra banda, o movemento ecoloxista da Comunidade pide poñer a fin a moitos destes proxectos por da súa natureza contaminante.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comparece no pleno. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, comparece no pleno. XUNTA

Tal sería o caso de Reganosa, que nos últimos meses vén ultimando un proxecto coa Xunta de Galicia que iría orientado á conformación dunha planta de biogás. O obxectivo pasaría por facer chegar esta iniciativa á lista europea de Proxectos de Interese Común, unha posibilidade que, entre outras axudas, outorgaría á empresa “acceso preferente a fondos públicos”. 

Cando menos, esa é a denuncia que veñen desenvolvendo, Amigos da Terra e Food & Water Action Europe, plataformas ecoloxistas que agora demandan ás autoridades españolas e europeas que deixen caer este proxecto pola súa natureza contaminante. Consideran que o chamado ‘biogás’ non é senón “un intento de lavado verde da industria gasística”, xa que, segundo destacan, “segue tratándose dun gas contaminante por moito que se utilice o prefixo ‘bio’”.

"ATENTADO CONTRA O MEDIO AMBIENTE"

De acordo con estas plataformas, o proxecto, que podería custar uns 235 millóns de euros, pasaría por xerar biometano a partir de biogás producido con xurros de gandería industrial e residuos, para inxectalo na rede de gas convencional. Un negocio que, a ollos das plataformas, “provocaría un grave problema de xestión de residuos” e, por riba, “fomentaría un modelo gandeiro insostible”.

“A aposta polo biogás trátase dun atentado contra o medio ambiente e o interese común”, inciden dende as plataformas, que denuncian a intención destas empresas de eternizar un combustible “contaminante”, atrasando de facto a descarbonización “e desprazando outros tipos de enerxía realmente renovables na transición enerxética”, en palabras de Cristina Alonso, responsable de Xustiza Climática de Amigos da Terra “Este proxecto implicaría dar un gran paso atrás na xestión dos residuos e ir contra a normativa europea en materia de economía circular, ademais de agravar a crise climática”, engade Adriana Espinosa, responsable de Residuos e Recursos Naturais da organización.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta