A Xunta anuncia un "investimento especial" de 9,5 millóns para 3.000 actividades culturais durante o verán

Compromete unha lei de transformación dixital do sector e un plan de apoio a novos creadores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2021 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia anunciou este mércores un "investimento especial" de 9,5 millóns de euros para desenvolver máis de 3.000 actividades culturais ao longo do verán, e avanzou varios compromisos, entre eles, o de desenvolver unha lei de transformación dixital do sector ou un plan de apoio a novos creadores. Así o trasladou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante unha comparecencia a petición propia ante a Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia.

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, comparece no Parlamento galego
O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, comparece no Parlamento galego | Fonte: Xoán Crespo - Xunta de Galicia.

Lorenzo defendeu o apoio que a Administración galega deu ao longo dos últimos meses ao sector cultural, cun orzamento que creceu ata superar os 94 millóns de euros, e con apoio económico a pemes e autónomos, nun contexto de incerteza e paralización pola pandemia de Covid-19.

Así mesmo, sinalou como "retos inmediatos" a necesidade de concretar protocolos e medidas para o desenvolvemento de actividade cultural presencial e a reactivación do sector cunha inxección de 9,5 millóns de euros para máis de 3.000 actividades que se celebrarán este verán.

Segundo explicou, este "investimento especial" destinarase a eventos que abarcan todas as artes escénicas e propostas culturais destinadas a todo tipo de público, en zonas urbanas e rurais. Así, referiuse a actividades na Rede Galega de Teatros, a festivais de diversas disciplinas, ao apoio a bandas de música e orquestras, ou ao programa 'Ler conta moito'.

Estas propostas, incidiu, sumaranse á programación con motivo do Xacobeo 21-22, que para este ano ten un investimento previsto de algo máis de 5 millóns de euros, e que será "un motor de reactivación da cultura e un cartón de presentación".

"PREOCUPACIÓN" POLOS FONDOS EUROPEOS

Entre os retos máis próximos, Anxo M. Lorenzo referiuse tamén aos proxectos que poidan ser financiados con fondos europeos de recuperación e do programa Next Generation, e manifestou a súa "preocupación" porque "aínda non se saben" as condicións da repartición por parte do Goberno de España.

Respecto diso, lembrou que Galicia pretende, con cargo a eses apoios, pór en marcha, entre outros proxectos, un 'hub' do audiovisual, e lamentou que as Comunidades Autónomas teñen "pouca información" sobre a distribución das subvencións europeas, aínda que a Galicia "ten os deberes feitos", afirmou.

INICIATIVAS FUTURAS

Por outra banda, o secretario xeral de Cultura avanzou algunhas das liñas de traballo do seu departamento e referiuse a a importancia de abrir espazos de "diálogo" e "interlocución" co sector, no seo de órganos como o Consello Galego dos Museos, do Consello de Industrias Culturais de Galicia, o Consello de Fundacións Culturais ou dunha futura Comisión de Cooperación Cultural Local.

Ademais, avanzou que a Administración empezará a traballar na redacción de dous novos marcos normativos: por unha banda, unha lei de transformación dixital do sector cultural e, por outro, unha normativa de inclusión e accesibilidade en materia de cultura.

Anxo M. Lorenzo tamén anunciou un plan de apoio a novos creadores, ou un plan de proxección exterior da cultura galega, ademais doutras medidas, como a actualización da Estratexia Galega da Cultura ou a elaboración dun segundo mapa de bibliotecas de Galicia.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Pola súa banda, as representantes do BNG e do PSdeG na Comisión parlamentaria criticaron a "falta de concreción" do responsable de Cultura, así como a ausencia de medidas para apoiar colectivos concretos.

A deputada nacionalista Mercedes Queixas criticou que o Goberno galego non concrete como se adaptará a Estratexia Galega da Cultura, con que prazos, medidas ou orzamentos; e que manteñan deficiencias no relativo a actitividades culturais como a ilustración ou o cómic.

Así mesmo, tamén censurou as "escasísimas mencións" ao asociacionismo e á cultura de base, así como ao teatro comunitario ou á dinamización da lectura.

Na mesma liña, a deputada socialista Noa Díaz sinalou que as propostas presentadas polo secretario xeral son "accións dispersas, sen fío condutor nin estratexia", e reclamou á Xunta "unha aposta decisiva" polo sector cultural, xa que parece que este "non é unha prioridade" para o Executivo galego, dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta