Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 03/06/2021 | Actualizada ás 13:50
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, acusou ao Goberno de querer "impor o seu criterio" coas normas de Sanidade para a 'nova normalidade' e criticou tanto "o fondo como as formas" tras o documento que o Ministerio presentou no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e ao que Galicia votou en contra.
"Non podemos entender que o mesmo Goberno central que se desentendeu da xestión da pandemia desde o primeiro momento, e cando as cousas estaban duras deixouno todo en mans das comunidades autónomas, agora que comeza a desescalada volve aparecer", sentenciou a preguntas dos xornalistas nun acto en Bergondo (A Coruña).
O conselleiro vinculou o posicionamento do Executivo central a que "cre que agora se poden dar boas noticias e quere impor o seu criterio a que quen estivemos a xestionar desde o principio e, por tanto, coñecemos as circuntancias e as decisións que hai que tomar".
"Non ten ningún sentido", recalcou o conselleiro, quen non considerou "admisible" a formulación. "Volven a criminalizar a hostalaría e toman decisións que non se poden entender moi ben como o caso das terrazas que se volven a limitar", engadiu.
Ademais, expuxo que son "decisións que demostran que, como non estiveron a xestionar a pandemia, non coñecen nin poden tomar decisións adecuadas na desescalada e pretenden imporse, volver aparecer cando non estiveron en ningún momento".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.