Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 21:20
Nova denuncia da CNT contra o Concello de Pontevedra. A formación sindical vén de cargar contra o consistorio pontevedrés porque, segundo apuntan, “incumpre a súa propia normativa” no tocante ao uso do galego. A crítica da CNT remite a unha aplicación de xestións de parques --“Gesparques”-- que, ao parecer, tería como idioma prioritario o castelán.
A problemática estaría en que a ordenanza de normalización lingüística aprobada polo propio consistorio inclúe, no seu artigo 3.5, a obrigatoriedade de que “as aplicacións e programas informáticos han de estar adaptados para o funcionamento en lingua galega”, segundo recollen na Confederación.
No sindicato amósanse críticos co feito de que o consistorio liderado polo BNG “a pesar de dispor dos medios suficientes para contar cunha aplicación no idioma oficial do país”, non pareza “interesado” en cumprir “non só coa súa propia lexislación senón coas súas propias palabras e estatutos”.
“Así”, engaden, “é imprescindible recordar que o Concello de Pontevedra leva gobernado polo BNG dende o ano 1999 e resulta incomprensible entender como, a pesar da suposta defensa pública do galego, a administración local non permite que as plataformas de xestión dos seus traballadores e traballadoras usen como idioma principal o galego”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.