Galicia prevé mobilizar 600 millóns de euros e crear máis de 500 empregos coa estratexia de biotecnoloxía 2021-2025

Francisco Conde e representantes de entidades do sector presentan esta folla de ruta coa mirada posta nos fondos 'Next Generation'.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/06/2021 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

A estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico 2021-2025 prevé mobilizar máis de 600 millóns de euros de facturación, o dobre que o período 2016-2020, crear máis de 500 novos postos de traballo e incrementar nun 50 por cento o número de empresas vinculadas ao sector, coa creación dunhas 60 novas.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde; a presidenta do clúster Bioga, Carmen Pampín; e o catedrático e investigador Ángel Carracedo, na presentación da estratexia galega de biotecnoloxía 2021-2025
O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde; a presidenta do clúster Bioga, Carmen Pampín; e o catedrático e investigador Ángel Carracedo, na presentación da estratexia galega de biotecnoloxía 2021-2025 | Fonte: Xunta.

Tamén contempla un aumento de gasto en I+D+i biotecnolóxico nun 45 por cento, ata os 145 millóns de euros, así como unha suba do gasto en capital duns 30 millóns e sumar un 20 por cento máis de investigadores.

Son cifras que deu este venres o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, durante clausúraa dun acto celebrado no Centro CINC da Cidade da Cultura, xunto a decenas de investigadores, directivos e representantes de entidades do sector que participaron na elaboración da estratexia.

No seu discurso, Conde explicou que o obxectivo desta nova folla de ruta, que contará cuns 430 millóns de euros de investimento da Xunta, é sumar sinerxías de empresas, universidades, fundacións biomédicas, centros tecnolóxicos e organismos públicos para que o sector "siga pondo a marca Galicia no ámbito da biotecnoloxía".

Entre os principais labores que reúne esta estratexia, o vicepresidente económico apuntou o apoio a novos proxectos empresariais, a consolidación dos xa existentes, a súa internacionalización, a atracción de investimentos, o asentamento de empresas tractoras e a captación de talento.

'NEXT GENERATION'

Para iso, Conde destacou a oportunidade que dan os fondos europeos 'Next Generation' para poder "acelerar todos estes procesos". É unha convocatoria para a que a Xunta xa presentou unha candidatura con 354 iniciativas en total: "Temos que demostrar que temos os mellores proxectos".

Neste contexto, lembrou a proposta do hub de innovación dixital 'DATAlife', ao redor do cal se englobarán proxectos liderados por empresas e entidades como o Grupo Zendal, Anfaco-Cecopesca e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

E é que, de todos os proxectos para os fondos europeos, moitos estarán vinculados ao sector biotecnolóxico, que ten "un enorme impacto desde o punto de vista económico e desde o punto de vista do benestar". "Galicia quere seguir tendo ese papel e, coas bases que destes, quere seguir participando nesa revolución de futuro", díxolles a todos os presentes.

A estratexia 2021-2025 dará continuidade á anterior, prevista para o período 2016-2020, que --segundo cifras do vicepresidente económico da Xunta-- permitiu duplicar o número de empresas vinculadas á biotecnoloxía ata conseguir 127 compañías que dan emprego a 1.900 persoas e aumentar a facturación nun 72 por cento, ata os 412 millóns de euros de 2019.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta