O estado non é neutral

Unha parte hexemónicamente maioritaria dos nosos xuices e maxistrados (fóra Tribunais Supremo e Constitucional e Audiencia Nacional) traballan a eito e tentan facer xustiza con imparcialidade e obxectividade. A inmensa maioría dos nosos policías e servidores públicos entréganse ao seu traballo con profesionalidade e espirito de servizo cidadán. E, porén, miñas donas e meus señores, o Estado non é neutral. Os Poderes Públicos tenden satisfacer preferentemente os intereses das grandes corporacións e das elites, no canto das pemes, clases medias, traballadores e excluídos sociais.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 17/11/2013

Comparte esta noticia
Unha parte da responsabilidade desta desgraza é a hexemonía do bipartidismo monárquico-dinástico (PP-PSOE; PSOE-PP) ao longo destes máis de trinta anos. Un bipartidismo hexemónico que residenciou o poder político real en dúas moi pequenas elites dos dous partidos maioritarios. Que, ao tempo, son quen fornecen os centos de milleiros de postos políticos de segundo, terceiro e cuarto nível e quen negocian cos poderes financeiros hexemónicos. Algúns, si, transnacionais, mais outros estreitamente vencellados ás propias elites popular e socialista. Non por acaso a meirande parte dos valores do IBEX 35 pertencen a antigas sociedades públicas privatizadas canda Felipe González ou  JM Aznar ou a bancos, distribuidoras eléctricas e grandes construtoras-concesionarias de servizos que dependen do BOE. Velaí a forza no Estado do chamado capitalismo castizo do BOE.
 
Mais o control destas elites a respecto dos Altos Tribunais e dos mandos máis sobranceiros das Forzas de Seguranza garante que a estrutura estatal e máis estritamente, a da Administración do Estado dependente do Goberno central estea sempre aquelada para afastarlle os problemas ás elites e facer caer o peso da lei sobre os infractores que carezan de padriños ou mesmo sobre os que sobardan as canles convencionais de oposición e protesta e exercen accións non violentas de desobediencia civil.  O Estado español multa manifestantes pacífícos, mentres desprega todos os seus esforzos para lle evitar trastornos a Rato ou á infanta Cristina.
 
 Mal pode cualificarse de social, liberal ou democrático un sistema duro cos febles e tolerante cos poderosos.              

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.