Por Patricia Otero | Santiago de Compostela | 14/06/2021 | Actualizada ás 23:13
Unha das grandes particularidades de Galicia durante o período de verán era a cantidade de verbenas e festas que se celebraban cada día en todos os currunchos da comunidade. Porén, logo de ano e medio sen ningún tipo de actividade nin ingreso por mor da pandemia este é un sector que está en verdadeiro risco de desaparecer.
Pablo Franco, secretario xeral da Asociación de Empresarios da música da Verbena Galega (Asevega), describe esta situación como “dramática”. “Tardaremos anos en volver a recuperar o status anterior no que eramos unha industria absolutamente líder en España”, comenta. Por outra banda, Manuel Fariña, presidente da Asociación Galega de Orquestras (AGO), recalca que este ano non se vai recuperar a actividade e que o sector está “en perigo de desaparición”.
Comenta que a súa situación é moi complicada porque levan dous anos parados e os traballadores tiveron que buscar traballo noutros lugares. “Agora temos un problema enorme para encontrar traballadores, porque tampouco lle podes ofrecer unhas condicións de traballo como as que tiñan”, expón.
SEN ORQUESTRAS
Ante a falta de actividade polas restricións derivadas do coronavirus todas as orquestras tiveron que pechar. “Se no 2019 había unhas 300 orquestras de verbena, tendo un cálculo optimista, esperamos que se poidan recuperar 150”, explica Franco. Fariña engade que moitas orquestras non van saír, algunhas delas moi importantes.
Con todo, esperan que este ano poidan comezar a realizar algunha festa e que o sector se comece a activar nos meses de xullo e agosto a medida que avanza a vacinación e se van alixeirando as restricións. De todas formas Franco estima que como moito se realizarán o 10% das actuacións que houbo en anos anteriores.
No que as dúas asociacións están de acordo é que un repunte de contaxios, coa derivada suspensión do seu traballo, sería “unha ruína absoluta”, segundo as palabras de Fariña. Comentan que desta forma o sector quedaría completamente abandonado e ser persoal.
MEDO A ORGANIZAR FESTAS
Outro dos grandes problemas aos que se enfronta o sector das orquestras é o medo dos concellos e das comisións de festas a organizar verbenas. As dúas asociacións coinciden en que os concellos poñen moitas trabas cando as comisións piden realizar unha festa. “Un bo número de concellos desaniman ás comisións de festas para que non actúen cunhas escusas peregrinas e absolutamente irreais”, explica Franco.
Por outra banda Fariña tamén engade que outro dos problemas é que a xente interiorice que as verbenas non poden ser como eran ata agora. “A xente mostrase reticente a facer unha festa se non é exactamente como se facía antes”, comenta
“NUNCA VOLVERÁ A SER O QUE FOI A VERBENA”
As asociacións coinciden en que as verbenas son lugares moito máis seguros que outros ao tratarse de actuacións ao aire libre. Ademais, engaden que mantendo a máscara e a distancia de seguridade isto aumenta aínda máis a súa seguridade. “Este verán se un quere ter ocio seguro non se me ocorre outro máis que a verbena”, destaca Franco.
Porén os dous expoñen que o sector non vai conseguir recuperarse antes de cinco anos. Ademais, móstranse convencidos de que a reactivación nunha volverá a ser como antes e que necesitan moita axuda das institucións e da cidadanía para saír adiante.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.