Que hai detrás da restauración de canteiras e minas; unha estafa consentida ou un proxecto medioambiental?

As políticas da Xunta para a eliminación de residuos nunca se librou da polémica. Tampouco se libraron as políticas dirixidas á recuperación de espazos mineiros ou de canteiras onde se deberían aplicar medidas de “restauración”. Para movementos ambientalistas e para algúns políticos estamos diante dunhas manobras que buscan a eliminación de residuos creando baleiros legais.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 13/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os movementos ambientalistas poñen como exemplo de mala praxe sobre a restauración de canteiras a de Casalonga, no Concello de Teo. Un lugar onde, denuncian os veciños, a empresa Toysal quere verter residuos nuns espazos que deberan estar restaurados logo da actividade extractiva de áridos. Ao pé de Santiago está o depósito de Miramontes, espazo que se foi ampliando e onde se acumularon residuos que, segundo fontes do BNG dentro do consistorio compostelán, crean bolsas de gases e a partir de aí aparecen incendios no vertedoiro. Estes dous lugares son paradigmáticos para movementos ambientalistas e ecoloxistas da maneira en que a Xunta mantén unha actitude permisiva sobre o tratamento de refugallos.

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde
O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde

RESTAURACIÓN?

A imposibilidade de volver a deixar tal como estaba un espazo explotado para a extracción de minerais ou áridos, fai que se deseñen plans para a súa revalorización tendo en conta o estado dos terreos. Aí é cando as empresas que antes explotaron a zona deben implicarse presentando o pertinente plan ante as autoridades, neste caso Xunta. O que sucedeu a partir de 2009 foi unha sucesión de cambios lexislativos moi “permisivos” co uso como vertedoiro destes espazos abandonados.

“Todo vén de lonxe con dous decretos estatais de 2008 e 2009 sobre tratamento de restos de obras e restauración de minas” di Fins Eirexas de Adega que considera moi laxa a aplicación destas normas. “Partimos de que a idea de restaurar é boa, mais o problema estaba en que baixo o termo restauración tamén se desfacían de residuos perigosos que necesitaban outros tratamentos”.

“Aquí a empresa Toysal investiu 2 millóns de euros asegurando que se dedicará a actividades mineiras cando a anterior propietaria pechou por baixa calidade do material que se extraía” di José Ferreira da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. Este punto é o que fai sospeitar á veciñanza. “Para rendibilizar o investimento, se inician as actividades na área, a empresa pode aproveitar para meter residuos que non quere ninguén, aí está o beneficio”. O perigo está en que os residuos serían materiais perigosos que poderían filtrarse aos acuíferos da zona.

Vertedoiro da Areosa
Vertedoiro da Areosa

O vertedoiro de Miramontes, en Santiago, comezou sendo outro proxecto de “restauración” que acabou engulindo materia orgánica moi por encima dos límites preestablecidos, tal e como avisara a Plataforma de afectados/as polo vertedoiro de Grixoa-Miramontes, segundo unha nota do BNG compostelán. Aquí establecéranse uns parámetros que co paso do tempo acabaron “con sucesivas ampliacións de licenzas nun vertedoiro onde se acumulan residuos de moi diversa índole e procedencia”. Entre as “procedencias” estaba a materia orgánica que “non corresponde co deseño do sistema para a liberación de gases”.

A acumulación de gases crea explosións de dimensións reducidas mais con poder abondo para crear incendios no vertedoiro. A Plataforma de Grixoa-Miramontes rexistrara en 2020 unha denuncia ante a Fiscalía, pois “estimaban a presenza dun 30% de materia orgánica fronte ao 10% que ten autorizado este complexo de residuos”. Outro caso rechamante fora a  proposta ao Concello de Trazo onde se propuxera “restaurar unha canteira con cinsas procedentes de SOGAMA” di Fins Eirexas.

“MINAS É DEUS”

A lexislación foise modificando co paso do tempo ata chegar ao punto en que case todo o chan rústico pode ser usado para outros usos. “Neste país Minas é Deus e as posibilidades de actuar contra eles son mínimas” di Rafa Sixto, alcalde de Teo. O rexedor fai referencia á antiga Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que estivera encabezada por Bernardo Tahoces, quen foi cesado por Feijóo logo de numerosas polémicas en relación á antiga mina de Touro e ao seu proceder levando o timón do seu xa extinto departamento.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas foi substituida pola actual Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, dirixida por Paula Uría. Sexa como for, as intencións de usar Casalonga como posible vertedoiro continúan. “A gravidade do que pasa conta coa complicidade do PP e da Xunta que botan man do plan de restauración de 1998 máis as modificacións puntuais que lle fagan ao proxecto”.

A necesidade de eliminar residuos botou man da imaxinación e da ciencia. “En 2008 o conselleiro de Medio Ambiente, Pachi Vázquez, promove unha instrución sobre tecnosolos, basicamente, fabricar solos artificiais” sinala Eirexas. A instrución abría a porta á creación de “solos artificiais”. “Estes solos artificiais non deben crear ou ter residuos contaminantes e con todo, non se miden os niveis de compoñentes destes produtos”, declara Eirexas, porque “a lei non pide estabilizar eses compoñentes”.

A creación destes produtos para, dalgunha maneira, buscarlle unha vía de saída a residuos orgánicos ou doutra caste, fan pensar en que “realmente os tecnosolos son verteduras, estamos a favor de crear substancias semellantes ao chan, mais non a base de meter calquera produto químico”.

O beneficio para as empresas que buscan usar antigas canteiras está no depósito de residuos, moitas veces, altamente contaminantes. En numerosas ocasións se teñen superado os límites legais sobre determinados compoñentes e isto causa problemas como incendios, malos cheiros ou polución do aire. O investido nas vellas canteiras pode recuperarse se as empresas permiten a vertedura de produtos que legalmente non deberan estar aí. O beneficio é redondo e moito máis coa lei ao teu favor.

CASALONGA, NOVO EPISODIO

O 13 de xuño de 2021 está convocada unha nova manifestación contra o proxecto da empresa Toysal en Casalonga, Teo. Postos en contacto con esta empresa, a mesma remitiu unha nota onde apunta que Toysal pedira un informe sobre a situación do lugar e dito informe revelou a presenza de amianto e hidrocarburos.

Toysal declara que “tanto o Concello de Teo como a empresa do vicepresidente da “Plataforma Casalonga  Limpa de Residuos”, Construcións Iglesias Mera, utilizaron sistematicamente e ao longo dos anos esta entulleira ilegal onde depositaron todo tipo de residuos. Por este motivo resulta incomprensible que axentes  contaminadores da contorna de Casalonga como foron o propio  concello e o Sr. Iglesias Villar, (administrador solidario de “Construcións Iglesias Mera” e irmán dun concelleiro do Concello de Teo) se erixan agora como defensores do ecoloxismo e a reivindicación verde cando conviviron e utilizaron durante anos unha entulleira ilegal e perigosa no seu propio beneficio”.

A resposta do Concello de Teo ante estas afirmacións foi a seguinte: “O Concello de Teo entregou residuos inertes da construción, residuos derivados do traballo de brigadas de obra municipais, nun período de tempo no que a empresa Residuos y Reciclajes de Santiago estivo tramitando a súa posible legalización. Despois dun tempo e á vista de que esa legalización non se producía dende o Concello adóptase a decisión de non seguir usando esa instalación. Lembramos que o ano pasado o Concello precinta por propia iniciativa e á vista dun informe urbanístico a instalación á que se fai referencia:
https://www.teo.gal/gl/actualidade/2020/o-concello-precinta-planta-de-residuos-y-reciclajes-de-santiago-na-casalonga ”.

Manifestación en Teo contra o baleirado da lagoa da canteira de Casalonga. CASALONGA LIMPA DE RESIDUOS
Manifestación en Teo contra o baleirado da lagoa da canteira de Casalonga. CASALONGA LIMPA DE RESIDUOS
Vertedoiro de Miramontes e a pl. PLATAFORMA DO VERTEDOIRO DE SANTIAGO
Vertedoiro de Miramontes e a pl. PLATAFORMA DO VERTEDOIRO DE SANTIAGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta