Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2021 | Actualizada ás 15:16
O piloto pontevedrés de rallyes Víctor Magariños faleceu este sábado e outro tivo que ser trasladado en helicóptero tras sufrir un accidente de tráfico no termo municipal de Cerdedo-Cotobade. Segundo informan a Europa Press fontes do 112 Galicia, o sinistro, consistente nunha colisión frontal entre dous coches, ocorreu ao redor das 12,25 horas no punto quilométrico 2 da EP-0401, na localidade de Carballedo.
Ao parecer, os dous vehículos accidentados percorrían un dos tramos das probas de recoñecemento para o Rallye de Pontevedra, previsto para o próximo fin de semana. Foi un particular quen chamou á central de emerxencias para alertar do ocorrido, tras o cal o 112 activou un operativo no que participaron o 061-Urxencias Sanitarias, o GES da Estrada e os bombeiros de Pontevedra.
Tal e como confirman fontes do operativo, Víctor Magariños resultou falecido no punto e outro piloto foi evacuado a un centro hospitalario en helicóptero medicalizado debido ás feridas que presentaba. Ambos tiveron que ser excarcerados dos seus respectivos coches.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.