As sondaxes "ilegais" dunha mineira sueca en Santa Comba poñen en alerta o movemento ecoloxista

Petón do Lobo denuncia que esta multinacional xa realizou estudos sobre a terra en 2020 sen contar cos permisos da administración. Piden deter as novas sondaxes antes de que causen danos "irreparables" en "zonas de alto valor ecolóxico".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2021 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

O ecoloxismo galego volve á carga contra os efectos da minaría “irregular” sobre a comunidade. Nunhas semanas marcadas pola forte contestación social á “avalancha” de proxectos eólicos acontecida nos últimos meses, a asociación ambiental Petón de Lobo vén de dar un novo golpe sobre o que ata non hai moito era un dos temas principais do tecido medioambientalista galego: as minas.

Mina de Varilongo, en Santa Comba
Mina de Varilongo, en Santa Comba | Fonte: OGolpe en es.wikiloc.com.

O caso concreto que vén de denunciar a asociación situaríase entre os concellos de Coristanco e Santa Comba; unha zona rica en minerais e que conta cunha longa historia de explotación estranxeira destes recursos. Sábese, de feito, que o wolfram extraído dalgunha das súas explotacións chegou a alimentar a maquinaria militar dos nazis cando Franco xa estaba á fronte do Estado da posguerra. 

Agora a cuestión viría dada pola iniciativa dunha empresa sueca, que de acordo coa asociación verde viría de anunciar sondaxes sobre as terras de Santa Comba e Coristanco sen contar coas preceptivas autorizacións por parte da Xunta de Galicia. “Hoxe mesmo a mesma empresa anunciou aos seus inversores da bolsa de Estocolmo que retomaría a actividade neste mesmo mes de xuño” apuntan dende a plataforma.

O obxectivo da empresa Eurobattery Minerals AB pasaría por estudar a composición de máis dun quilómetro de chan para comprobar ata que punto existen nel minerais que compensen unha explotación a ceo aberto como a que pretenden. O obxectivo sería comezar un proxecto de explotación de cobre, níquel e cobalto que poderían danar de forma irreversible zonas “de altísimo valor ecolóxico” como a coñecida Braña da Serra.

SEN PERMISOS

A problemática estaría nesa pretendida falta de permisos; que, segundo Petón do Lobo, xa se tería dado cunha serie de sondaxes acontecidas na longo do ano pasado. Segundo a plataforma foron “realizados ilegalmente”, xa que non contaban tampouco con proxecto de restauración ou estudo de impacto ambiental, que son preceptivos, “a pesar da súa afección aos acuíferos que poden causar alteracións no nivel freático nunha zona húmida moi sensible”.

Por este motivo, destacan, cursáronse denuncias urxentes para a paralización inmediata desta nova campaña “ilegal” de sondaxes, “antes de que poidan causar máis perxuízos de difícil reparación”. Desde o coletivo ecoloxista apuntan que se trata sondaxes inclinadas, de modo que aínda que a actual campaña se faga sobre parcelas de superficie no concello de Coristanco, estas son contiguas ao concello de Santa Comba, e afectan en profundidade tamén a este concello.

DENUNCIA ANTE A XUNTA

Nas mesmas xornadas, a plataforma Ecoloxistas en Acción vén de se sumar á mobilización contra estas sondaxes que, segundo apuntan tamén dende esta plataforma, se estarían a desenvolver de xeito "ilegal". A asociación apunta, neste aspecto, que viría de denunciar ante as administracións locais implicadas e a propia Xunta de Galicia a realización destas sondaxes que, segundo apuntan, "carecen de autorización e de Plan de Restauración ou Estudo de Impacto Ambiental asociado"; razóns polas cales piden a súa paralización "inmediata".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta