Feijóo agravou a recesión

A depresión económica que sofre Galicia ten dimensión europea e veu determinada, en moi grande medida, polas dúbidas, inacción ou manifestos erros tanto das Institucións da Unión Europea como dos Gobernos Zapatero e Rajoy. Culpar ao Goberno Feijóo sería, xa que logo, inxusto.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 24/11/2013

Comparte esta noticia
Mais é evidente que Feijóo adoptou dende a primavera do 2009 unha liña de goberno marcada pola obsesión da austeridade, da consolidación orzamentaria. E ocorría na altura que a economía galega e, nomeadamente,algúns dos sectores consolidados ou emerxentes (enerxías renovábeis, tecnoloxías da información e comunicación, industrias audiovisuais e culturais, automóbil) precisaban de selectivas políticas de fomento e innovación que foron practicamente arquivadas (agás parcialmente as do automóbil) coa chegada de Feijóo a Monte Pío. Outros sectores (naval, mar-industria, agrogandeiro, monte-industria) padecían o desleixo histórico do Goberno español cara eles, polo que precisaban dun acompañamento continuo do Goberno galego e dunha acción exterior decidida de promoción, que tampouco existiu, agás no que atinxe  ás xestións mexicanas- aínda sen froito coñecido-.
 
A Xunta liquidou de feito á súa ferramenta financeira, o IGAPE, mentres asistía pasivamente á venda do Pastor ao Popular e ulterior dilución da Fundación Barrié no seo deste e á venda do Gallego ao Sabadell. E non foi quen a acadar do Goberno Rajoy igual trato para NCG Banco e Bankia, malia partillaren a entidade galega o carácter sistémico desta.
 
Das resultas deste proceso, o Goberno Feijóo agravou a nosa recesión: na construción naval pasamos, dende 2010, de representarmos o 50% da produción estatal a só o 24%, os nosos subsectores de enerxías renovábeis, tics e industrias audiovisuais e culturais enfrontaron o peche ou deslocalización, o investimento en I+D+i baixou a níveis de 1993, sen que os sectores agrogandeiro, forestal e monte industria non coñeceran  medida eficaz ningunha nestes anos.
 
Feijóo aínda pode mudar un chisco este proceso se mantén Novagalicia como oferta autónoma de banca minorista para pemes e crea un instrumento financeiro público para Banca corporativa de empresas de certa dimensión. Porén, semella que para o primeiro fáltalle o poder e para o segundo a vontade.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.