As Brañas de Xestoso acollen unha ruta ornitolóxica este domingo

A Deputación de Pontevedra promove este tipo de actividades para "concienciar" sobre a preservación de espazos naturais protexidos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2021 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

As Brañas de Xestoso acollerán o vindeiro domingo, 20 de xuño, a primeira ruta ornitolóxica do programa 'Voando nas Rías Baixas', desenvolvido pola Deputación de Pontevedra e a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO Birdlife).

Nun comunicado, a institución provincial afirma que esta iniciativa busca "dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia" e "concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos". Para iso, os 20 participantes desta primeira ruta estarán acompañados por "dous experimentados guías ornitolóxicos" de SEO Birdlife. Ademais das indicacións destas dúas guías, os asistentes tamén recibirán material didáctico para a formación básica no estudo ornitolóxico: unha guía de aves na que poderán ir anotando as especies avistadas durante o transcurso da ruta polas Brañas.

Quen non poida acudir a esta primeira cita de 'Voando nas Rías Baixas' terá que esperar ata setembro para a seguinte actividade, na Serra do Cando, tamén en Pontevedra. A partir de aí, durante o que quede de ano o programa trasladarase ao Complexo Intermareal Umia-O Grove; á Enseada de San Simón (Redondela); ao Estuario do Río Miño (A Guarda); e á Foz da Ramallosa (Nigrán).

ZONA DE ESPECIAL CONSERVACIÓN

A paraxe elixida para a primeira ruta, as Brañas de Xestoso, son un espazo declarado Zona de Especial Conservación, que está protexido pola Rede Natura 2000. A Deputación pontevedresa descríbeas como "unha magnífica representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra". Para poder gozar ao máximo da súa paisaxe, a institución provincial recomenda aos participantes vestir "roupa cómoda" e "calzado apropiado para moverse polo campo". Tamén lembra a importancia de aplicarse protección solar antes e durante a ruta.

Cartel Voando nas Ríax Baixas. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Cartel Voando nas Ríax Baixas. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta