Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2021 | Actualizada ás 14:06
A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, reiterou o seu apoio á familia do coruñés Diego Bello, morto en Filipinas a comezos de 2020 a disparos da policía no que o Alto Comisionado do Parlamento galego entende que podería tratarse dunha "execución sumaria", como así o apuntan os informes da comisión de Dereitos Humanos do país asiático.
A titular do Valedor do Pobo aproveitou a presentación da memoria anual de actividade da institución para subliñar o seu compromiso coa familia e achegados de Diego Bello para lograr que se investigue a súa morte e se xulgue aos culpables por respecto "ao dereito á vida e á xustiza".
"A Diego arrebatáronlle a vida en Filipinas, pero os seus pais teñen dereito a que se faga xustiza", incidiu Fernández Galiño, antes de lembrar que a institución que encabeza solicitou ás autoridades españolas, incluído do Defensor do Pobo, que reclame ante Filipinas que esclareza a morte do coruñés.
Así as cousas, a valedora apelou ao compromiso da sociedade, as institucións e os medios de comunicación para que, desde a "unión",se apoie á familia de Diego Bello "para lograr que se faga xustiza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.