Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 24/06/2021 | Actualizada ás 22:00
Os e as socorristas galegas tiveron que exercer como persoal sanitario nas praias para poder garantir a seguridade sanitaria durante a pandemia. O seu labor incrementouse cando debían dar instrucións, pedir ás persoas usuarias das praias que non podían exceder certos límites, levar máscara e control de afluencia. Para momentos así, a formación destes profesionais inclúe unha formación en psicoloxía sanitaria e habilidades sociais. Houbo lugares onde se reforzou a presenza do socorrista coa do vixilante de praia para o cumprimento das normas sobre COVID. A todo isto súmaselle desde hai tempo unha serie de condicionantes que segundo algunhas voces do sector, implican que en Galicia e outras autonomías, non se podan cubrir todas as prazas de socorristas motivado polas diferentes lexislacións e os respectivos condicionantes implícitos nelas.
A COVID E AS NOVAS MEDIDAS
A Real Federación Española de Salvamento y Socorrismo (RFESS) como centro de formación tamén tivo que aplicar as normas de seguridade sanitaria contra a COVID. Isto inclúe o uso da máscara durante exercicios de piscina. Á parte houbo que engadir novas materias relacionadas coa seguridade en lugares de baño (praias marítimas, fluviais ou piscinas) para evitar que os e as usuarias mantivesen as medidas sanitarias emitidas polo Goberno.
“Houbo lugares onde crearon a figura do vixilante que reforzou a presenza do socorrista para que a cidadanía tivese en conta as normas sanitarias” di Alberto García, formador da RFESS. Entre outras medidas, o vixilante controlaba o aforo nas praias mais esta figura desaparecerá en canto sexa seguro non ter que cumprir as medidas sanitarias. “Os usuarios teñen máis restricións e o socorrista debe garantir o cumprimento das normas” di García. A causa disto o número de incidencias nas praias e outros lugares de baño poden incrementarse, mais todos os anos acaban reportándose actitudes agresivas.
Desde a Vicepresidencia Primeira da Xunta e Consellería de Presidencia, departamento con competencias na materia, apuntan á necesidade de pedir uns estándares profesionais axeitados para facer fronte á pandemia nas áreas recreativas como as praias. “O primeiro paso é contar cun rexistro actualizado que permita recoñecer o número de capacitacións de quen leva adiante estas tarefas”. Se ditas capacitacións non son abondo, crearíase a figura de “persoal auxiliar de apoio”.
O motivo é crear un “dispositivo integral de intervención no ámbito das urxencias e emerxencias”. Este dispositivo serviría para apoiar aos concellos nas súas competencias en canto zonas de baño e lecer. En relación a isto último, Vicepresidencia Primeira destaca que nestes momentos o Executivo galego quere elaborar un novo decreto que regule tanto as competencias como a formación dos socorristas, mantendo un “contacto directo coa FEGAMP, federacións e demais axentes sociais do sector”.
Sobre este último punto Vicepresidencia lembra que o artigo 115.d da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de Costas “establece como competencia municipal”, entre outras, “manter as praias e lugares públicos de baño nas debidas condicións de limpeza, hixiene e salubridade, así como vixiar a observancia das normas e instrucións ditadas pola Administración do Estado sobre salvamento e seguridade das vidas humanas”.
DIFICULTADES PARA SER SOCORRISTA EN GALICIA
O socorrismo non se libra da precariedade laboral. “Debera haber socorristas durante todo o ano porque hai afogados durante os 365 días” destaca Alfredo García. En parte isto paliaría as deficiencias salariais e laborais do sector. A esta precariedade engádese o que desde a RFESS consideran impedimentos para que profesionais xa formados entren no corpo de socorristas de Galicia. “En 2012 Galicia puxo en marcha un decreto que baixo o noso punto de vista é moi esixente” di García.
O Decreto 104/2012, do 16 de marzo sobre a formación mínima dos socorristas acuáticos, así como a creación do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia, pretendía crear unhas bases e requerimentos para entrar a formar parte dos socorristas galegos. Esta formación mínima establece uns novos “altos estándares de calidade e capacitación para o desenvolvemento da profesión en Galicia”, esixindo estar en posesión da cualificación profesional de socorrismo.
“Nós vemos que é unha formación elevada, que esixe ás persoas xa formadas pasar polas mesmas probas que xa pasaron na Federación” remarca García. “Persoas que levan máis de dez anos formadas non teñen por que pasar un curso onde repetirán os mesmos pasos que deron hai un ou máis anos”. Por tanto, as esixencias da Xunta implicarían comezar de cero para quen quixera ser socorrista en Galicia.
No decreto galego houbo modificacións como o Decreto 35/2017, con variacións “dirixidas a manter o alto nivel de esixencia para a prestación dos servizos, mantendo o certificado de profesionalidade como eixo central, ademais das outras titulacións ou acreditacións”, din de Vicepresidencia. “O que nós pedimos é unha formación básica e válida para todo o Estado” di García.
Ser socorrista en Galicia esixe unha formación que, segundo Vicepresidencia Primeira da Xunta, non era a axeitada antes de 2012. Non obstante, desde a RFESS a formación que imparten a socorristas considérana máis que suficiente para ter profesionais ben cualificados. O que non entenden é a necesidade de pasar dúas veces pola mesma formación en caso de optar a unha praza en Galicia. Ademais diso, desde o sector piden estender todo o ano a aplicación deste servizo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.