O BNG súmase ás teses de ERC, CUP, Junts e Bildu e pide directamente a amnistía para os presos do procés

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, di que os indultos son "un xesto insuficiente" e reclama a amnistía: "Pór urnas non pode ser un delito".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 22/06/2021 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, defendeu que os indultos que o Goberno prevé conceder este martes aos condenados polo proceso independentista catalán son "un xesto claramente insuficiente" e reclamou a amnistía. Hai uns días, a líder do BNG, Ana Pontón, apuntaba que vía "positivos os indultos" nun acto co deputado de ERC Gabrial Rufián en Lugo, aínda que evitaba pronunciarse sobre a amnistía.

"Exercer un dereito democrático, como pór urnas, non pode ser considerado un delito", sinalou Rego, para quen o que corresponde agora, tal e como reclaman as formacións independentistas, é amnistiar aos presos do procés, aos miles de persoas procesadas polo referendo ilegal do 1 de outubro de 2017 e aos "exiliados".

En rolda de prensa desde a Cámara Baixa, o deputado galego subliñou a necesidade de que se respecte "a vontade democrática dos pobos, entre eles o exercicio do dereito de referendo e do dereito de autodeterminación", e pediu ao Goberno neste sentido que os pacte co Executivo catalán.

"É de xustiza e é o que corresponde", apuntou o representante do BNG en Madrid, quen rexeitou a ofensiva "ultraespañolista" contra a decisión de conceder esta medida de graza aos presos do procés que, ao seu xuízo, está motivada pola "presión" que exerce Europa contra a política "represiva" do Goberno.

NACIONALIZACIÓN DAS GRANDES EMPRESAS DE ENERXÍA

Durante a súa comparecencia, Rego tamén reclamou a urxencia de camiñar cara a unha nova regulación do sistema eléctrico que poña a enerxía "ao servizo da sociedade", unha reforma que pasa, entre outras cuestións, por nacionalizar as grandes empresas enerxéticas ou por eliminar o imposto a este ben de interese público.

Aproveitou ademais para censurar que tanto ao PSOE como ao PP presentasen emendas á lei de traspaso da AP-9 a Galicia, que o Congreso tomou en consideración o pasado mes de febreiro, porque, segundo denunciou, estas non fan máis que "dilatar" esa transferencia e "distorsionar" o seu contido, que saíu por unanimidade do Parlamento galego.

O deputado do BNG, Néstor Rego.. BNG
O deputado do BNG, Néstor Rego.. BNG | Fonte: Europa Press

KURDISTÁN


O BNG denuncia a "grave deriva antidemocrática" de Turquía despois de que o Tribunal Constitucional deste país aceptase este luns, a petición da Fiscalía, avaliar unha posible ilegalización do prokurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP) por presuntos lazos co Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), ao que Ankara considera como un grupo terrorista.

A través dun comunicado, o Bloque considera que é un paso máis da "onda represiva" encabezada por "o ditador Erdogan" que afecta non só ao futuro da formación prokurda, senón tamén "á democracia" en Turquía, tal e como o ratificou o Consello de Europa nun informe que tamén criticou de maneira "contundente" a España, segundo lembran os nacionalistas galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta