Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2021 | Actualizada ás 21:35
O pasado 3 de febreiro o Ministerio para a Transición Ecolóxica anunciou os plans do Goberno para recuperar distintas zonas húmidas do conxunto do Estado. A medida, que foi anunciada coincidindo co Día Mundial dos Humidais, deixaba unha raiola de esperanza para Galicia: prometía recuperar a mítica Lagoa de Antela, unha enorme masa de auga antano situada na Limia e hoxe xa desaparecida.
A Lagoa de Antela, foco de numerosas lendas do pasado galego, foi unha das masas de auga interiores máis amplas do Estado ata a súa desecación intencionada por parte do Franquismo. De acordo cos rexistros dispoñibles, a lagoa alcanzaba máis de 40 km de perímetro e ocupaba unhas 4.000 hectáreas na chaira da comarca da Limia.
Os intentos de desaugala foron “innumerables”, segundo apuntan dende Ecoloxistas en Acción, plataforma que vén de se sumar ao compromiso pola defensa da Lagoa coa creación dun documental arredor da “memoria” da mesma”. De acordo coa plataforma, un dos primeiros intentos “serios” de desecar a Lagoa de Antelo veu dos romanos; máis tarde seguidos por outros conatos no século XIX.
Porén, non sería ata o 1956 que a morte da Lagoa de Antela había de quedar cantada. Ese ano, o goberno franquista declarou “de alto interese nacional” o espazo e procederon a desecala. O obxectivo dos franquistas era conformar unha nova zona de campos de cultivo, obxectivo que si se completou en tanto que, aínda a día de hoxe, a zona é un núcleo de produción de pataca e cereal a nivel galego.
Con todo, o dano ambiental foi palpable .“A desecación eliminou unha parte moi importante da rica diversidade animal e vexetal do humidal carrexando efectos moi negativos sobre a calidade dos chans”, destacan dende Ecoloxistas en Acción, que pon as súas esperanzas nese anuncio do MITECO para recuperala.
A plataforma agarda que o anuncio do Ministerio sexa “consistente e leve a cabo de xeito ambicioso máis pronto que tarde”. “A actuación”, destacan, “será beneficiosa para a comarca desde un punto de vista socio económico, pola necesidade de mellorar a calidade e cantidade das augas e, por suposto, para garantir un hábitat para a biodiversidade”.
Para manifestar o seu compromiso coa “memoria” da lagoa, Ecoloxistas vén de lanzar un documental sobre o entorno “protagonizado pola aves, quen son o mellor expoñente da biodiversidade que aínda estamos a tempo de salvagardar cunha actuación decidida. As protagonistas segundo a súa orde de aparición son: Cegoña branca, Conícora europea, Merguillete galancia, Garza da Noite, Picanzo cazcarrollo, Peto real, Rola turca , femia de Escribenta das canaveiras e Ganso Bravo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.