Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/06/2021 | Actualizada ás 12:19
A aparición da covid-19 supuxo unha transformación do modo de vida, dando
lugar a cambios en ámbitos como as relacións sociais, o traballo ou a educación. A
dixitalización acelerada da actividade económica e as novas relacións laborais
consecuencia da implantación crecente do teletraballo teñen distintas consecuencias
en moitos terreos. Os axentes económicos e sociais representados no Consello
Económico e Social de Galicia amosan as súas opinións sobre esta nova realidade, que
se publican agora nun novo número da serie “Cadernos”.
As opinións das organizacións sindicais sobre a dixitalización e o teletraballo e as
implicacións para o labor dos representantes dos traballadores ou para a negociación
colectiva; os retos que as empresas teñen que enfrontar nun entorno global e
conectado on-line; ou os desafíos que estes cambios de paradigma supoñen para o
mundo rural e a súa supervivencia son algúns dos aspectos que se recompilan nesta
publicación.
En breve, segundo indica, outro número recollerá outros artigos sobre gobernanza dixital,
fiscalidade ou protección de datos. Como indica o presidente do CES na presentación deste “caderno”, “as dúas publicacións dan unha visión global, multifocal, variada e completa desta nova realidade, un novo xeito de vivir, traballar, aprender e relacionarnos que xa estaba en marcha e que a pandemia acelerou e consolidou”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.