Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/07/2021 | Actualizada ás 22:00
A primeira xeración de migrantes normalmente mantén vínculos culturais e lingüísticos co lugar de orixe. Isto produce ás veces un choque entre a procedencia e o lugar de acollida. En caso dunha segunda xeración familiar nacida no lugar de acollida, as diferenzas entre pais e fillos comezan a marcarse, sobre todo no comportamento dos segundos, máis achegado á realidade de onde viven. Por outra banda, tamén se dá a circunstancia que as persoas nacidas na migración, en caso de volveren ao lugar de orixe da familia senten a mesma sensación que os pais cando migraron. O lugar de orixe dos pais é unha realidade descoñecida tal como foi o estranxeiro para os proxenitores. Mais a maioría de nacidos no lugar de acollida acaban por comportarse como cidadáns dese lugar, o que xa os diferenza das novas vagas de migrantes procedentes do lugar dos seus pais.
AS PEQUENAS COUSAS
Ana chegou de Suíza hai catro anos, filla dun galego e dunha portuguesa. Os pais contaban con quedar só cinco ou seis anos, mais ao final foron varias décadas. Ana coñecía algo Galicia polas vacacións até que decidiu estudar Pedagoxía en Santiago de Compostela. “Sabía que era diferente, aquí a administración é lenta, hai poucas fontes de información e tes que ir a un lado e a outro para poder facer trámites”. Isto contrapono ás facilidades que a administración suíza pon ao dispor dos estudantes. “Tamén era consciente de que os horarios en Galicia son máis relaxados que en Suíza e que aquí as cousas van con calma”.
Nilda Borges é de familia caboverdiana, ademais de ter tamén raíces francesas. Con apenas dous meses chegou a Galicia e considérase segunda xeración. “Síntome integrada mais non por iso deixo de ver conflitos sobre todo relacionados co choque cultural”. Nilda observa que entre os fillos dos primeiros caboverdianos que chegaron nos setenta e as novas vagas da mesma nacionalidade, existen diferenzas no que é o comportamento diario. “Por motivos culturais non hai unha grande afectividade entre pais e fillos dentro das novas vagas, iso choca cos que xa naceron aquí ou viven en Galicia desde nenos”.
Marco Pereira naceu en Xove de pais portugueses. Agora mesmo realiza estudos de xornalismo na USC. “Dentro da miña familia non son o primeiro que accede á universidade, pois teño curmáns que tamén teñen títulos universitarios” sinala Marco. “Nunca sentín ningún tipo de discriminación en canto a orixe dos meus pais, mais eles si tiveron que adaptarse a unha situación nova nun país diferente e coa intención de quedar”.
AS DIFERENZAS
“Eu nacín en Xenebra, unha cidade moi cosmopolita onde non era nada estraño ver nenos de diversas orixes” di Ana quen veu como esa multiculturalidade era moi escasa en Galicia, “niso teño unha mentalidade moi de Xenebra”. Isto tamén o relaciona cos comportamentos que observa entre a xente de Compostela. “Aquí vexo os nenos pola rúa ao mellor ás nove da noite, mesmo en grupos, en Suíza se hai un neno na rúa ás nove alguén chamará á policía avisando dun menor que está perdido”. Vir de Xenebra tamén supuxo levar a sorpresa de que “aquí a xente para pola rúa e fala, ou preguntan algo, alá é algo moi estraño, todos van ao seu”.
“Hai choque interxeracional, claro, mais tamén en cuestión de mentalidade, porque moitos recén chegados non invisten o diñeiro por exemplo nunha educación a longo prazo nos fillos” di Nilda Borges. Con todo, si que hai caboverdianos cunha carreira universitaria, mesmo exercendo a docencia ou emprendendo como é o caso de Nilda. “Cando os novos chegados ven como nos comportamos os que xa levamos moito tempo aquí, para eles somos galegos, é como se levar máis tempo aquí che dera unha certa superioridade”.
“Algunha vez si que aconsellei a algunha persoa de segunda xeración que non se adaptaba e tamén dei charlas no instituto, con todo, a adaptación destas persoas xa é unha cuestión individual” relata Marco. As charlas no que foi o seu centro de secundaria axudan dalgunha maneira tanto a migrantes como non migrantes, a ver que se poden superar obstáculos. Como di o propio Marco “non se pode tirar a toalla”.
Ana séntese suíza pois viviu ata hai moi pouco tempo no seu lugar de nacemento. “Se tivese que aconsellar a alguén que coñeza para vir aquí, depende da persoa, se é alguén con ganas de calma si, recomendaría Santiago, senón outro lugar”. Nilda cre que as diferenzas culturais son a base da falta de adaptación “porque os que vivimos aquí de sempre temos unha mentalidade de aquí fronte á dos chegados novos cuxos pensamentos son os de alá” e así, até que pasan algúns anos, non se pode dicir que haxa unha adaptación coa contorna.
A cuestión é que a división cultural entre as orixes e o lugar de nacemento dos fillos de migrantes poden ser un obstáculo ou unha vantaxe, segundo como se xoguen as cartas, se se vai con intención de abrirse a unha nova realidade ou pensando en ver o mesmo que levas vendo toda a vida. Neste último contexto é onde poden xurdir as eivas en canto adaptación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.