Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 07/07/2021 | Actualizada ás 18:40
Os concelleiros do Grupo Municipal do PSOE, Tino Fernández, Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey, achegáronse esta mañá ata o barrio de Estribela e a parroquia de Xeve para denunciar “o lamentable estado de abandono e nulo mantemento no que a Xunta de Galicia ten sumido á estrada vella de Marín e aos demais viais da Rede de Estradas Autonómicas ao seu paso polo noso concello”.
Ademais da "pésima" conservación desta PO-546, que en opinión de Tino Fernández “é un escándalo que clama ao ceo”, os socialistas tamén apuntan co dedo cara outros viais de titularidade autonómica moi empregados e que artellan unha boa parte do territorio da capital da provincia, como a PO-224, que une Ponte Bora con San Antoniño (Barro) e que enlaza as estradas nacionais de Ourense e de Santiago, ou a PO-542, que conecta o nó do Pino con Ponte Bora.
“É un menosprezo flagrante aos pontevedreses, especialmente a aqueles que viven nas zonas rurais e os barrios máis afastados do termo municipal, que non merecemos unhas estradas autonómicas de vergoña, das peor conservadas de toda Galicia", lamenta o voceiro do PSdeG-PSOE. Ao que engade que "o señor Feijóo non pode discriminar aos pontevedreses deste xeito".
Fernández apunta que “a pintura é tan escasa en tódalas estradas autonómicas, que mesmo hai pasos de peóns que case nin se ven, o que entraña un evidente perigo”. Para o tenente de alcalde de Pontevedra, “a seguridade viaria nas estradas autonómicas é unha materia totalmente pendente porque, ademais do nulo mantemento, non hai actuacións que aposten por unha mobilidade integral, con sendas que teñan en conta ás persoas que camiñan ou carrís para aquelas que utilizan a bicicleta”.
DISCRMINACIÓN
Para os socialistas, a PO-546, que une Pontevedra co límite de Marín é, sen dúbida, “unha das que se atopan en peor estado de toda Galicia, a pesar de unir dúas poboacións de importancia e acoller todo o tráfico pesado con destino a Ence”. “Unha vergoña maiúscula”, destaca Tino Fernández, quen engade que basta con comprobar como cambia a calidade da estrada ao chegar a Marín para decatarse de que estamos diante dunha clara discriminación.
“As beirarrúas están abandonadas e a Xunta, que hai anos que tiña que ter urbanizado toda esta contorna e construído unha senda peonil segura continua, tal e como lle propuxemos reiteradamente os e as socialistas, inviste selectivamente nos concellos onde goberna o PP e deixa o resto para cando lle cadre”, afirma o voceiro do Grupo Municipal Socialista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.