Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 09:30
A CNT continúa coa súa estratexia de "recrudecemento" das mobilizacións para obrigar a Xunta a sentar a dialogar sobre a problemática das traballadoras "en fraude de lei" no Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Logo de varias semana cunha xornada de folga, a Confederación optou, no pasado mes de xuño, por abandonar a estratexia dos paróns laborais e abordar directamente os responsables da Xunta de Galicia mediante "escraches" e piquetes.
Un dos desenvoltos nas últimas semanas foi o acontecido ás portas da entrega das Medallas Castelao, onde Núñez Feijóo tivo que escoitar, á súa entrada, os berros das traballadoras do Consorcio pedindo interlocución coa Xunta, á que acusan de non querer sentar a falar. Agora, as olladas quedan postas no vindeiro congreso do PPdeG, programado para o sábado 17 de xullo e ao que a sección sindical da CNT se desprazará para facer unha calozada.
O acto terá lugar na praza de touros de Pontevedra, ante a cal prevén concentrarse os convocantes sindicais e as traballadoras en situación laboral de suposta irregularidade. "As traballadoras continuarán coa loita para reclamar a estabilidade do persoal temporal en fraude do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar", destacan dende o sindicato.
"A cazolada", engaden, "fai parte da estratexia posta en marcha desde a Sección sindical da CNT que pretende incrementar as protestas na rúa para dar visibilización á súa problemática laboral". O calendario de mobilizacións do persoal temporal do Consorcio IeB continúa "aberto", segundo apuntan, polo que se "irán sumando" novas protestas para tratar de "atopar solución" á situación de temporalidade "estrutural" do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; solución que a ollos do sindicato pasa por "dotar de estabilidade no emprego ao seu plantel actual".
A CNT marca como obxectivo "regularizar a situación de todas as traballadoras temporais en fraude de lei e abuso de temporalidade independentemente da forma de acceso ao seu posto (oposición, listas, subrogación,…), no caso particular das traballadoras do Consorcio IeB, toda vez que a Xunta de Galiza ven de incluír a practica totalidade das súas prazas na oferta de emprego público (OPE) publicada a finais de 2020".
REELECIÓN DE FEIJÓO
O congreso do PPdeG en Pontevedra servirá para afianzar a Feijóo á fronte do partido, que unhas semanas atrás xa apuntaba que o momento da sucesión "non chegou". O presidente da Xunta de Galicia aparcaba así a súa posible marcha da política autonómica nun momento coincidente co estalido da fulgurante carreira de Díaz Ayuso, que dende a victoria das autonómicas madrileñas que perfila como a máis que posible sucesora de Pablo Casado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.