Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2021 | Actualizada ás 15:35
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou de "insuficiente" o ditame da comisión posta en marcha no Parlamento de Galicia para abordar a reactivación económica e social tras a pandemia, un texto que será votado no pleno que arrinca este martes.
Nunha rolda de prensa ofrecida este luns, o xefe de filas dos socialista galegos referiuse a este documento como "unha carta aos reis magos" na que non existe "compromiso" con auténticas políticas públicas para a reconstrución de Galicia e no que o PP optou "pola unilateralidade" e por fuxir do consenso.
"É un ditame insuficiente, unha declaración de boas intencións pero sen ningún compromiso para sacar a Galicia adiante", dixo nunha comparecencia na que asegurou que a súa formación tendeu a man "de forma permanente" á Xunta para marcar as grandes liñas de acción.
Así, referiuse á necesidade de fortalecer os servizos públicos, á creación de emprego e ao fomento da cohesión social para que "ningún galego quede atrás" para lamentar que "a vocación de diálogo desde a corresponsabilidade" por parte do PSdeG non atopase resposta no PP.
Nesta liña, reprobou o feito de que, aínda hoxe, despois dos seis meses de máis dureza da crise, o Goberno galego manteña sen destino os 113 millóns de euros do fondo de consenso.
"A Xunta está a ser incapaz de afrontar a reactivación e está a deixar orfos aos galegos e ás galegas", remarcou para deixar claro que os socialistas "non" van ser "cómplices" dese abandono de funcións.
Ademais, iniciou na necesidade de "pegarlle un xiro" ás políticas do PP na Xunta e comprometeuse a seguir defendendo que a estratexia para a reactivación tras a pandemia prime a creación de emprego, o fortalecemento dos servizos públicos e se oriente a pór os fondos nas mans dos galegos e as galegas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.