Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2021 | Actualizada ás 12:25
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, aposta por compatibilizar o lecer e as medidas sanitarias para facer fronte aos contaxios de covid, de modo que asegura que o Goberno galego fará "todo o posible" antes de adoptar decisións "máis drásticas".
Así o dixo no 'Foro Turismo' de Europa Press, onde apuntou a medidas "alternativas" como as PCR para non ter que pechar o lecer nocturno en zonas con peores datos epidemiolóxicos. O vicepresidente primeiro da Xunta asegurou que a administración autonómica está "a tentar tomar as medidas para facerlle fronte" aos contaxios, centrados agora na xente nova.
"A situación sanitaria é o principal", advertiu, antes de engadir que, en calquera caso, o executivo galego "vai tentar compatibilizar as dúas cousas ata onde se poida". Así, lembrou que Galicia non pechou o lecer nocturno e, "dado que a coordinación (por parte do Goberno central) nin está nin se lle espera".
"SE FAI FALTA MÁIS AMODO, MÁIS AMODO"
"Se fai falta máis amodo, máis amodo. Pero volver atrás é demoledor", avisou, en alusión a razóns económicas e tamén de ánimo. "A nosa intención é, se podemos, manter toda a actividade turística e de lecer, pero se é necesario tomas medidas máis drásticas tamén o faremos. Pero faremos todo o posible antes de ir a medidas máis drásticas", subliñou.
Rueda avoga por "esas medidas alternativas para tentar compatibilizar" o lecer coa saúde, e indicou que os empresarios do lecer nocturno apoiaron a solicitude de PCR para acceder a locais en zonas con máis incidencia de coronavirus.
Cos concertos, dixo a preguntas sobre O Son do Camiño no seu formato reducido este ano, "faríase o mesmo". "Antes de ter que suspender concertos (...) imos tentar mantelos con todas as medidas se fose necesario", resaltou, en referencia a reducións de aforamento ou "medidas alternativas".
ACTIVADO O SEGURO CORONAVIRUS
Por outra banda, informou de que o seguro fronte ao coronavirus habilitado pola Xunta para peregrinos e turistas en xeral xa foi activado en "algún caso puntual". Foron "moi poucas" ocasións, segundo apuntou sen concretar o número, para "o volume enorme" de visitantes que está a recibir Galicia nas últimas semanas. E nos "pouquísimos casos que houbo que activalo está a funcionar con normalidade", defendeu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.