Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2021 | Actualizada ás 18:24
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes o decreto que fixa os prezos públicos do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o curso 2021/22, cunha media de 11,89 euros por crédito para todas as primeiras matrículas de graos e de másteres, tanto os habilitantes --necesarios para exercer unha profesión-- como non habilitantes.
Deste xeito, tal e como xa se ratificou no Consello Galego de Universidades, as taxas das matrículas manteranse conxeladas o próximo ano académico. "Un estudante vai seguir desembolsando a mesma contía que 11 anos atrás", subliña a Xunta, que calcula que isto supón un aforro medio de case 19 millóns de euros anuais para as familias.
En concreto, para as matrículas de grao, a conxelación do prezo en 11,89 euros por crédito suporá un aforro de 4,44 euros con respecto aos 16,33 euros que custa o crédito media en España. Cada alumno afórrase, segundo a Xunta, 266,40 euros cada curso.
No que se refire aos másteres habilitantes, o prezo medio en Galicia supón un aforro de 10,31 euros con respecto á media estatal, situada en 22,20 euros por crédito. Isto fai que cada familia se aforre uns 618,60 euros cada curso en comparación co resto de España.
E nos másteres non habilitantes, a taxa en Galicia é 18,24 euros inferior á media de 30,13 euros por crédito a nivel estatal, o que suma un aforro de 1.094,40 euros ao ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.