Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2021 | Actualizada ás 18:55
A cúpula de madeira que protexía ao Pórtico da Gloria das obras nas cubertas e interiores da Catedral de Santiago, así como das humidades, comezou a retirarse co fin de sacar a estrutura de forma completa o próximo 22 de xullo.
Tras terminar os traballos de restauración do Pórtico en 2018, iniciáronse as obras nos interiores e cubertas no templo, polo que se decidiu protexer a obra do Mestre Mateo cunha infraestrutura efémera de madeira debido á contaminación por pó e axentes químicos derivados da restauración. Igualmente, buscábase contrarrestar o incremento do nivel de humidade e o efecto da luz por mor das actuacións.
Agora, terminadas as actuacións tamén na escalinata, cripta e os lenzos norte e sur procédese á retirada da estrutura provisional, segundo informa a Fundación Catedral.
Así mesmo, a monitorización na Catedral das variables ambientais mostra que, actualmente, o ambiente das naves e o Pórtico "tenden a equilibrarse, nunha conxuntura de mellora do clima e coa eliminación das filtracións de auga".
Con todo, o nivel de presencia de público no Pórtico da Glora seguirá sendo "limitado", de forma que para a conservación do patrimonio "as visitas nunca poderán ser masivas", posto que se busca evitar o incremento dos índices de vapor de auga na atmosfera interior e garantir a seguridade. A Fundación Catedral defende que a "masificación conduce á banalización".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.