Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 12:10
O presidente da Deputación de Ourense e do PP provincia, Manuel Baltar, manifestou o seu "respecto aos pronunciamentos xudiciais" tras o auto que ve "indicios razoables" de malversación na xestión de fondos de Democracia Ourensá, e lembrou o principio de presunción de inocencia, que debe aplicarse a todos.
O Partido Popular abandonara o goberno local da capital tras a denuncia por presuntas irregularidades nos fondos de Democracia Ourensá, a formación que lidera o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. Tras ser sobreseída a causa, o pasado 2 de xullo os populares regresaron á xunta de goberno local. Esta mesma semana, o Xulgado de Instrución número 3 rectificou e deixou sen efecto ese sobresemento, porque a maxistrada considera que "hai indicios razoables".
Os partidos da oposición pediron que o PP "dea un paso ao lado" e firme unha moción de censura para que poida gobernar a lista máis votada, que foron os socialistas. Ante os feitos, os populares limitáronse a manifestar "máximo respecto polas decisións xudiciais" e trasladaron que "non se trata dunha sentenza firme".
Este mércores, o portavoz de Cs apelou "ao señor Baltar" para que se tomase esa decisión. Este xoves, o presidente provincial de Ourense, Manuel Baltar, e ao ser preguntado en rolda de prensa, foi sucinto nunha resposta na mesma liña que a do seu partido para facer fincapé en que "primeiro a presunción de inocencia".
Así expuxo que hai que ser coherentes con "calquera pronunciamento xudicial, sexa quen sexa a persoa que está a investigar". E recalcou que os seus "dous postulados" son "primeiro a presunción de inocencia, que non debemos esquecer" e despois "o máximo respecto aos pronunciamentos xudiciais".
Deste xeito afirmou que coa entrada do Grupo Popular "o goberno (local) é máis forte" e subliñou que o que hai que buscar é "esa estabilidade". "Outros estarán a buscar calquera escusa para buscar outro tipo de componendas, pero aquí do que se trata é de xestionar e de gobernar", sentenciou Baltar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.