Por X.A. Pérez-Lema | Pontevedra | 18/07/2021
A sentenza aínda non é definitiva e pode ser recorrida en casación perante o Tribunal Supremo (TS). Mais éste só admitirá para estudo o recurso se existen razóns ben alicerzadas para requirir unha sentenza que unifique a aplicación do Dereito Administrativo estatal, neste caso o artigo 32.1 da Lei de Costas, que dispón que só se pode permitir ocupar terreos de dominio público marítimo-terrestre para aquelas instalacións ou actividades que, pola súa natureza, non poidan ter outra ubicación.
Velaí que a interpretación das actividades e instalacións inviábeis fóra do dominio público marítimo-terrestre pertenza á AN, neste caso, sendo o concepto a aplicar claramente restritivo, á vista tanto dos seus termos literais, como da xurisprudencia interpretativa do propio TS. Calquera recurso que presente ENCE sobardaría a estreita marxe do recurso de casación, que non pode corrixir as conclusións da AN sobre a proba practicada e os feitos probados.
E a AN avaliou a proba practicada dun xeito ben concluínte, ao constatar que as fábricas de pasta de papel Kraft precisan grandes cantidades de auga doce e capacidade de evacuación a masas importantes de auga, o que desenvolven sen problemas fóra do dominio público marítimo-terrestre varias factorías en Euskadi, Aragón e en Navia-Asrtuies (ésta da propiedade da propia ENCE).
Non se albisca, pois, unha solución acaída no marco do Estado de Dereito para que ENCE siga producir na Ría de Pontevedra. Deste xeito, a lei e máis a vontade cidadá (dende 1999 Pontevedra vota amplas maiorías contra da permanencia en Lourizán da pasteira, como escrebíamos nestas mesmas páxinas en marzo deste ano) esixen que a empresa e máis as Administracións Públicas atinxidas comecen deseñar a desmontaxe de ENCE na súa actual ubicación.
Cómpre lembrar, tamén, que ENCE fica obrigada a repor os terreos ao seu estado natural e que pode reclamar da Administración do Estado a indemnización polos investimentos que fixo dende xaneiro de 2016, ao abeiro da prórroga da concesión outorgada polo goberno Rajoy cando estaba en funcións.