Piden que a lei galega do xogo afronte "con máis compromiso" a ludopatía

O Consello Económico e Social (CES) destaca tratar as actividades de publicidade e promoción do xogo, así como a tipoloxía de espazos e recintos nos que estas poden desenvolverse.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/07/2021 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

O ditame do Consello Económico e Social (CES) sobre o anteproxecto de Lei reguladora dos xogos de Galicia fai un chamamento a que a administración aborde con "máis profundidade" a saúde e a seguridade das persoas consumidoras e usuarias nun momento no que a ludopatía está a crecer.

O posicionamento foi aprobado no último pleno do CES e considera que o texto debería incluír unha "alusión máis contundente á problemática xerada nos últimos anos pola práctica incontrolada do xogo" para que se aborde "con máis compromiso".

O CES explica que existían dúas posicións diferenciadas sobre o anteproxecto entre os membros, cuestión que impediu que este ditame fose aprobado por unanimidade. Así, por unha banda, sitúanse os que entendían que o texto só atende á promoción do xogo sen ter en conta os problemas que xera a súa práctica incontrolada.

Por outra, están aqueles que entenden o xogo como unha actividade económica con impacto nas empresas e na economía galega, que sosteñen que, a pesar de estar de acordo con que a norma teña un enfoque preventivo, non están de acordo cos requisitos que se impoñen para as empresas que xa están a operar agora mesmo no sector (no réxime de autorizacións, entrada de operadores estatais a través de máquinas nos establecementos de terceiros).

O informe do CES considera insuficientes as medidas establecidas no ámbito da prevención e bota en falta específicas mencións a actuacións asistenciais das ludopatías. Tamén apunta que o anteproxecto non é ambicioso no tocante á actividade de publicidade e promoción do xogo e sinala que esta actividade debería estar completamente prohibida en recintos deportivos e feirais.

"PRACTICAMENTE NON REGULA O XOGO EN LIÑA"

O CES sostén que este anteproxecto non está consonte coa realidade actual do xogo e que nace con "importantes carencias" xa que, no seu conxunto, establece unha regulación do xogo baseada case na súa totalidade en modalidades tradicionais e practicamente non regula a figura do xogo en liña, á que maioritariamente accede a poboación.

Outros aspectos que destaca o pronunciamento do CES son, por exemplo, no tocante ás actividades de publicidade e promoción do xogo, así como na tipoloxía de espazos e recintos nos que estas poden desenvolverse. Niso, "o texto peca de escasa ambición e valentía", sinala.

Así, por unha banda, non comparte a exclusión dos medios de comunicación privados en xeral e da prensa escrita en particular como vehículo de difusión e/ou promoción das actividades de xogo. Por outra, considera que a actividade do xogo debería estar completamente prohibida en recintos deportivos e feirais e, consecuentemente, tamén calquera tipo de publicidade e promoción que neles se desenvolva.

O CES tampouco comparte o feito de que a norma non prevexa a desaparición das máquinas comecartos e de apostas deportivas nos establecementos de hostalaría e restauración "se non xa con carácter inmediato, polo menos tras a expiración do período transitorio previsto no texto".

O ditame, solicitado polo trámite de urxencia, foi aprobado por maioría dos membros do CES e conta cun voto particular emitido pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que discrepa dalgunhas das súas consideracións.

Ruleta, xogo, casino.. EUROPA PRESS - Arquivo
Ruleta, xogo, casino.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta