O PP da Coruña celebrará o seu congreso provincial o 25 de setiembre

Diego Calvo traslada a súa disposición para "seguir traballando" e anuncia que se presentará á reelección.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2021 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

O Congreso Provincial do PP da Coruña celebrarase o próximo 25 de setiembre, tal e como se aprobou este luns na xunta directiva provincial reunida na cidade herculina baixo a presidencia de Diego Calvo e coa asistencia, entre outros, do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado.

A cita, á que poderán presentarse candidaturas ata o día 3 de agosto, terá lugar despois da celebración do congreso rexional este fin de semana, no que Alberto Núñez Feijóo revalidou a confianza dos afiliados.

O exalcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela e a conselleira de Política Social, Fabiola García, serán os responsables das comunicacións que se presentarán ao congreso provincial. A do portavoz do PP ferrolán versará sobre os novos retos para o municipalismo e a da titular de Política Social centrarase nos servizos públicos.

"Está claro que somos un partido forte, unido e cos obxectivos de traballo moi claros, centrados nas próximas eleccións municipais do 2023 e nas xerais de 2024", destacou Diego Calvo, que engadiu que o PP coruñés está "obrigado" a recuperar as alcaldías, "que nunca deberon perderse nas eleccións de 2019 e volver gobernar a Deputación da Coruña".

Coa vista posta nestas citas electorais, Calvo anunciou a súa disposición a seguir á fronte da organización provincial outros catro anos. "Falei estes últimos días con moitos afiliados e cos responsables municipais da maior parte da provincia e, se a militancia así o quere, estou a disposición para seguir traballando como ata agora polo noso partido", asegurou.

Na súa intervención, mostrou o seu convencemento de que o PP é o partido que "máis se parece aos coruñeses" e a "única formación política capaz de dar resposta plural ás necesidades plurais dos coruñeses".

"Empezamos no 2016 un traballo moi importante, renovando e consolidando as nosas estruturas locais, e nas últimas eleccións autonómicas conseguimos un resultado histórico, o mellor da nosa provincia ata o momento conseguindo 14 deputados autonómicos", sostivo Calvo, que animou aos responsables municipais a "dar o mellor de si" para recuperar os gobernos locais.

Neste sentido, marcouse como reto "blindar" aos alcaldes do PP revalidando as maiorías absolutas e gañar tamén en moitos municipios nos que non gobernan por "moi poucos votos".

Ademais, en referencia ao congreso autonómico celebrado esta fin de semana, considerou que "quedou claro que o PP, todo o PP de España, traballa na mesma dirección", "que non é outra que dar resposta ás necesidades dos cidadáns". "Iso é o que faremos tamén na provincia da Coruña", apuntou.

REACTIVACIÓN ECONÓMICA

Ademais, o presidente provincial incidiu en que o traballo dos próximos anos terá que centrarse na reactivación económica pospandemia, algo que "nos concellos ten que ser fundamental".

Por último, insistiu no carácter aberto e integrador do PP da Coruña, onde teñen cabida "todas aquelas persoas que queiran facer algo por mellorar a vida dos seus veciños".

Diego Calvo, presidente do PP provincial da Coruña.. PP PROVINCIAL DA CORUÑA
Diego Calvo, presidente do PP provincial da Coruña.. PP PROVINCIAL DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta