NCG e os políticos galegos

Teñen razón PSdeG, BNG e AGE na condena ao inxustificábel adianto da poxa de NCG Banco. A UE esixía a súa venda antes da fin de 2017 e o proceso adiantouse tres anos.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 22/12/2013

Comparte esta noticia
Velaí que só se recuperarán 1000 M€ dos 9600 públicos investidos, cando de aproveitar os tempos sinalados NCG acadaríase unha recuperación  multiplicada. Malia que a inmisión do FROB na xestión do día a día do Banco galego estaba xa a eivar unha xestión racional e coherente.
 
AGE e BNG non foron  quen de trascender da defensa das esencias para adoptar unha decisión política a respecto do concreto proceso de poxa. Comezado éste, haberíanlle explicar á opinión pública que cumpría defender NCG como banco público galego (opción que era moi razoábel), mais que no curto prazo e como mal menor cumpría defender o mantemento do emprego, da rede (fulcral para evitar a exclusión financeira do noso rural), dos centros de decisión na Galicia e a supervivencia dunha opción bancaria distinta da grande banca estatal na concorrencia de servizos financeiros.
 
AGE e BNG (malia a reacción positiva do Xavier Vence das últimas semanas)  demostraron non usar información de calidade neste proceso e enrocarse en posicións maximalistas que non resolvían os problemas urxentes do emprego, da oferta bancaria e dos centros de decisión. Das forzas galeguistas, só CompromisoxGalicia (CXG) soubo distinguir os seus obxectivos a longo prazo da necesidade de facer política no curto. Sendo os únicos que, criticando os abusos e privilexios do proceso, souberon dar apoio e cobertura á solución menos mala.
 
Besteiro non foi quen de modificar de vez a deriva dun PSdeG, solidario coa idea de Xosé Blanco e Fernández Ordóñez a prol da absorción de NCG por un grande Banco estatal(Blanco e Pachi Vázquez teñen dito que a súa opción era  Caixabank). E Feijóo soubo xogar habilmente as súas cartas, consciente de que a desaparición de NCG nunha rede bancaria estatal íase apuntar, sen apelación, no seu debe como liquidador do sistema financeiro galego. Malia que nunca saberemos se o seu indubidábel suceso a  curto prazo foi, en grande medida, xerado  pola ruindade das ofertas españolas e pola chapuceira xestión dos tempos e regras por parte do FROB, que activou as alarmas da sociedade civil galega.  
 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.