Luz Casal, melódica e rockeira, inaugura os grandes concertos en Galicia

Os versos dedicados ao neno falecido 'Lucas' serviron para lembrar a Samuel Luiz, nun recital que pechou convidando a facer o Camiño.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/07/2021 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

Melódica, case rockeira e diva. As 1.200 persoas que conseguiron praza no Obradoiro e os que se sumaron por 'streaming' puideron gozar de tres versións de Luz Casal aos pés da Catedral compostelá, arroupada polos 53 músicos da Real Filharmonía de Galicia e os compoñentes da súa banda, todos en perfecta harmonía.

Ao longo dun repertorio de 18 cancións, este recital da programación do Xacobeo 21-22 e dentro dos concertos das Festas do Apóstolo arrincou pasadas as 21,30 horas do mércores cun bloque de cancións de amor e desamor. 'Lo eres todo', 'Cenizas', 'Mar y cielo' ou 'Historia de un amor' permitiron mostrar unha Luz Casal melódica.

Actuación de Luz Casal
Actuación de Luz Casal

Os arranxos de César Guerreiro, ao cal a propia cantante fixo un recoñecemento expreso, conseguiron integrar á perfección aos músicos da Real Filharmonía baixo a batuta de Paul Daniel. A potencia musical da orquestra conseguiu embelecer aínda máis algúns dos boleros incluídos no álbum 'La pasión', que Luz Casal sacou en 2009, tras superar un cancro.

A ese episodio da súa vida aludiu, aínda que sen mencionalo expresamente, a cantante orixinaria de Boimorto antes de facer unha alegación a favor da música popular galega. Así introduciu 'Camariñas', peza que lembrou que cantou con 'Luar na lubre'.

HOMENAXE A SAMUEL

"Ahora eres una estrella en el cielo, un rumor en el viento, una cinta en mi pelo". Os versos feitos canción de 'Lucas', o neno vigués que faleceu ao seis anos e que serviron de inspiración a Luz Casal, tamén lle serviron este mércores para "facer extensivo" o tributo a Samuel Luiz, o mozo de 24 anos morto por unha brutal malleira na Coruña.

Cambio de vestiario e cambio de Luz Casal. No escenario apareceu unha versión máis rockeira para deleitar aos presentes en persoa e a través das redes con grandes éxitos como 'Entre mis recuerdos', 'No me importa nada' ou 'Te dejé marchar'. Pero a apoteose final chegou coa versión sinfónica de 'Negra Sombra', que puxo o broche de emoción a un concerto de case dúas horas de duración no cal Luz Casal e a súa banda e a Real Filharmonía brillaron á vez e foron da man.

Antes de acabar, a solista convidou a facer o Camiño de Santiago para atopar "lugares belos, arte, cultura, hospitalidade e agarimo". "Santiago sempre vos recibirá cos brazos abertos", proclamou para despedirse en varios idiomas, incluído o galego, que xa empregara para dar as "boas noites e benvidos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta