Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2021 | Actualizada ás 18:45
A xunta de goberno do Concello de Santiago aprobou este luns abrir o proceso de adxudicación do proxecto de adecuación, selado e clausura do vertedoiro de Aríns. Para esta actuación, segundo informa o propio Consistorio, destinarase un montante global de 1.174.591,42 euros. Trátase dunha obra xa prevista como fundamental nos orzamentos municipais para este 2021.
Ademais, o goberno municipal deu luz verde ao acondicionamento das novas oficinas da Concellaría de Medio Rural e a implantación da Brigada de Parques e Xardíns no recinto feiral de Amio.
Trátase dun proxecto por un orzamento de 362.973,13 euros e un prazo de execución de catro meses. O seu obxectivo, recalca o Concello, será rehabilitar a planta baixa dun dos edificios existentes neste recinto para instalar alí a unidade de Medio Rural. A maiores, detrás dese mesmo inmoble, situaranse as novas instalacións para talleres e almacéns do Serivo de Parques e Xardíns.
SUBVENCIÓNS PARA REHABILITACIÓN
A xunta de goberno local tamén aprobou este luns as convocatorias de subvencións para o reacondicionamiento de edificios e vivendas nas áreas de rexeneración e renovación urbana (ARIS).
En concreto, actuarase na zona da cidade histórica --30 proxectos previstos por 18.600 euros--, nos grupos de vivendas 'Compostela e cardeal Quiroga Palacios' de Pontepedriña --12 actuacións por 86.400 euros-- e no barrio de Vite --20 proxectos por 108.000 euros--.
PARQUE DE BOMBEIROS
Por outra banda, o goberno municipal adxudicou por 363.608 euros á empresa NortConsultin Solucións S.L. o contrato de instalación de sistemas de seguridade, comunicacións e modernización do centro de control do Parque de Bombeiros de Santiago. Era a única oferta que cumpría os requisitos.
Así mesmo, aprobouse solicitar unha subvención de máis de 275.000 euros á Xunta para a contratación temporal de 20 persoas desempregadas e en situación ou risco de exclusión social que sexan receptoras da renda de inclusión social de Galicia (Risga).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.