ETA: camiño da autodisolución

Os presos de ETA veñen de sinalar a fin da violencia en Euskadi. Até a fin do 2011 o colectivo, canda o resto da organización terrorista, teimaba en esixir concesións políticas inaceptábeis, como denunciou o PNV ducias de veces. Despois da declaración de cesamento indefinido da violencia, a banda xa desbotaba calquera esixencia política e limitábase a pedir “paz por presos”, mais esixindo algo semellante a un indulto xeral.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 29/12/2013

Comparte esta noticia
A declaración deste día  recoñece o mal causado pola violencia e admite que o achegamento dos presos a Euskadi e máis a súa progresiva liberación se desenvolva  un a un e no marco dos beneficios e progresións de grao do Dereito penitenciario. Dereito Penitenciario que, por certo, recoñece o dereito de todos os presos a cumprir condena preto das súas familias, sexan de ETA, de Resistencia Galega, atracadores ou estafadores. Velaí que alcumar esta declaración de falsa ou irrelevante, manifeste unha evidente falla de visión social e política ou  o propósito de tirar proveito electoral  a curto do inmobilismo político que segue a sobrancear na acción da UPD e do PP, malia que neste último caso con evidentes.excepcións no mundo das conversas privadas e dos contactos informais.             
 
Agora o seguinte paso haberia ser o desmantelamento total da estrutura militar da banda e a entrega e/ou inutilización das súas armas e explosivos. Unha tarefa que é, xa, urxente e que vai requirir da intervención dalgunha caste de control obxectivo e independente, quizais mellor residenciado no ámbito europeo.
 
Acadado o desarme total sería preciso reagrupar todos os presos a carón da súa residencia e avanzar en solucións individuais de progresión penitenciaria  que sexan quen de cumprir a décima regra do Pacto de Ajuria Enea (1988): a reinserción social dos presos logo de se acadar a permanente ausencia de violencia. Un Pacto, compre non esquecelo, tamén asinado daquela polo PP.
 
Canto ás vítimas cumpre multiplicar o apoio (canda ás vítimas da violencia machista e, en xeral, ás secularmente esquecidas vítimas dos delictos) e ouvilas sempre nesta caste de procesos. Mais, de certo, non se lles pode recoñecer ningunha caste de dereito de veto. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.