Vide para curar o cancro? Isto é o que pensan os científicos da USC

Investigadores da Facultade de Medicina publican un estudo no que destacan as propiedades de dous compostos da planta do viño á hora de loitar contra as células canceríxenas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A USC volve culminar unha investigación científica orientada a prever e tratar os cancros con maior eficacia. Se días atrás o Laboratorio de Radiofísica anunciou que dera cunha fórmula para dirixir con maior precisión a radioterapia e evitar danar tecidos sans, desta vez son os investigadores do grupo SNL-Lennart Levi da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC os que veñen de dar cun achado sorprendente: o potencial da vide para loitar contra o cancro. 

Arquivo - Un traballador da Adega Txabarri transporta uvas durante a vendima para producir txakoli de Bizkaia. Iñaki Berasaluce - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Un traballador da Adega Txabarri transporta uvas durante a vendima para producir txakoli de Bizkaia. Iñaki Berasaluce - Europa Press - Arquivo

As conclusións da investigación veñen de ser publicadas na revista International Journal of Molecular Sciences, que recolle no seu último número os datos deste estudo preliminar sobre como pode influír o emprego de compostos molecuares presentes na vide en relación co cancro. En particular, o estudo desenvólvese arredor de diferentes cancros de mama e próstata e parte de dúas moléculas atopadas na planta do viño: a Catequina e a Procianidina B2. 

A conclusión do estudo incide en que estes compostos contarían con propiedades antriproliferativas sobre algunhas células tumorais de orixe humana; papel que cumprirían cunha eficacia “de dúas a cinco veces superiores” aos efectos provocados por tratamentos antitumorais clásicos, como é o caso do docetaxel. 

“As principais limitacións da quimioterapia convencional fronte a cancros de próstata e mama, cancros hormonais heteroxéneos, son a resistencia a estes tratamentos e aos seus efectos adversos”, explican Manuel Freire-Garabal e Carmen Martínez Rodríguez, coordinadores dos grupos de investigación da USC e o CSIC, respectivamente. A función dos compostos extraídos da vide pasa por aumentar a sensibilidade das células con cancro fronte a ditos fármacos para mellorar a súa eficacia.

O estudo  serviu para indagar sobre o posible uso de Catequina e Procianidina B2 para reverter a progresión e diseminación do cancro. “Os resultados revelaron que o tratamento con Procianidina B2 induciu efectos antiproliferativos e proapoptóticos de dúas a cinco veces superiores ao tratamento con doxetaxel. Tamén se observou que tanto a Catequina como a Procianidina B2 poden mellorar a eficacia da terapia con docetaxel, o que se traduce na posibilidade de usalo en doses máis baixas, evitando así os seus temidos efectos tóxicos”, apuntan os autores do estudo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta