Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2021 | Actualizada ás 16:38
O CEO da Corporación Hijo de Rivera, Ignacio Rivera, reclamou unha maior competitividade para os empresarios en Galicia porque sostén que "moitos" marcharon pola súa fiscalidade, o que advertiu que lles obriga a reformularse plans de investimento actuais.
"Creo que é un momento para reflexionar desde Galicia sobre como se están facendo as cousas. Non coñezo ninguén que viñese a Galicia pola súa fiscalidade, nin polas grandes axudas que recibimos, pero que teñan marchado, a moitos", afirmou Rivera, segundo un comunicado difundido por Cesuga sobre a súa participación nun evento organizado por este centro de estudos.
A xornada contou coa intervención de representantes do empresariado galego e, entre eles, do director executivo da Corporación Hijos de Rivera, que incidiu na necesidade de revisar a fiscalidade de Galicia para evitar a fuga de compañías e a perda de capital.
"Necesitamos competitividade, chan industrial... Eu creo que todas as administracións poden facer que Galicia sexa máis competitiva, pero non o están facendo. Creo que non se está apoiando ao empresario e ao emprendedor", queixouse Rivera. A asociación de Empresarios galegos no mundo recoñeceu a Ignacio Rivera como mellor empresario en Galicia.
Durante a súa intervención, Rivera puxo en valor o "potencial" de Europa, que se diferencia doutros continentes pola descentralización do talento. "En América e Asia o talento está moi focalizado, pero en Europa haino en moitos países e hai que aproveitar esa oportunidade", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.