Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/08/2021 | Actualizada ás 22:00
Os Xogos Olímpicos de Tokio quedarán gravados na historia como os da pandemia de covid-19. Sen público, e con restricións de mobilidade na vila olímpica, as competicións están condicionadas tamén polo último ano e medio, no que os atletas viron moi afectada a súa preparación, algúns máis ca outros, pola pandemia. Un estudo no que participaron investigadores da Universidade de Vigo sinala os principais problemas que tiveron que enfrontar olímpicos e paralímpicos durante este tempo.
O seu obxectivo foi analizar o efecto da pandemia de covid-19 e do confinamento nos comportamentos dos atletas de nivel olímpico e paralímpico, percepción de ameaza, estrés, estado de ánimo e patróns de adestramento. A poboación estudada estivo composta por 447 atletas olímpicos e 64 paralímpicos españois de diversas disciplinas, dos que o 6,8% recoñeceu terse infectado de covid-19.
A maioría dos atletas recoñeceu que o seu rendemento atlético diminuíu debido ao encerro pola covid-19
Durante o encerro, o 48,7% destes deportistas declarou estar máis canso do normal, o 47,9% tivo dificultades para durmir, o 62,9% mudou os seus hábitos alimentarios (o 31,7% comeu máis e o 31,3% menos que de costume), o 4% aumentou o consumo de tabaco, o 9,8% o de alcol e o 2% tomou medicamentos psicotrópicos para a saúde mental.
A maioría dos atletas recoñeceu que o seu mellor rendemento atlético diminuíu debido ao encerro pola covid-19. Case a metade dos atletas declararon estar máis cansos do normal e tiveron dificultades para durmir, mentres que máis da metade comía máis ou menos como de costume.
OLÍMPICOS VS PARALÍMPICOS
Os atletas paralímpicos informaron sentirse máis capaces de afrontar problemas persoais durante o confinamento e de sentir con máis frecuencia que os acontecementos da vida ían ben e sentíanse menos solitarios durante o encerro que os olímpicos.
Os paralímpicos estiveron máis de acordo coas resrtricións pola pandemia que os olímpicos
Entre olímpicos e paralímpicos tamén houbo “diferenzas significativas” na valoración do peche por mor da pandemia. No grupo olímpico, un 59,9% estivo de acordo coa restrición de movementos, un 16,1% en contra e o 24% non se posicionou; mentres que entre os paralímpicos as porcentaxes foron do 79,7% a prol; 4,7% en contra e un 15,6% mostrouse neutro.
Estas diferenzas entre paralímpicos e olímpicos débense, “probablemente”, a que “a discapacidade, en xeral, e o deporte para as persoas con discapacidade, en particular, preparan dalgunha maneira mellor a estas persoas para facer fronte ás adversidades”, argúen os expertos, que observan algo semellante entre deportes individuais e colectivos.
DEPORTES INDIVIDUAIS VS COLECTIVOS
Os participantes en deportes individuais sentíronse máis capaces de facer fronte a problemas persoais que os de deportes en equipo.
Os atletas dos deportes de equipo interromperon máis a súa rutina de adestramento que os atletas de deportes individuais, vendo o seu rendemento máis afectado, e mostráronse tamén máis preocupados por non poder participar en competicións deportivas por mor do confinamento.
Entre estes grupos tamén houbo “diferenzas significativas” na súa opinión sobre o encerro imposto: no grupo de deportes individuais, un 59,1% expresouse a favor, un 17,2% en contra e un 23,7% non se posicionou, mentres que no grupo de deportes colectivos o 68,6% estivo a prol do peche, un 9,9% en contra e un 21, 5% mostrouse neutral.
Os de deportes colectivos interromperon a rutina de adestramento por covid-19 de forma máis significativa que os de deportes individuais
“Os atletas de deportes colectivos interromperon a rutina de adestramento por covid-19 de forma máis significativa que os atletas de deportes individuais, vendo o seu rendemento atlético máis afectado que en deportes individuais polo confinamento, probablemente debido á dificultade engadida de ter que reunirse con máis compañeiros para adestrar”, explican os responsables do estudo.
O estudo tamén mostrou diferenzas significativas entre estes grupos en relación a se variou a alimentación dos deportistas durante o encerro: entre os que practican deportes individuais individual, un 34,6% afirmou comer máis do habitual, un 26,8% menos e o 38,6% asegurou non ter variado a inxestión de alimentos; mentres, nos que practican deportes colectivos as porcentaxes, respectivamente, foron o 26,5%, 39,2% e 34,3%.
MULLERES VS HOMES
E as atletas mostráronse significativamente máis afectadas emocional e psicoloxicamente, máis cansas e informaron de máis dificultades para durmir que os homes, ademais de ver perturbada a rutina de adestramento máis que os homes, sentíndose máis estresadas (presionadas, tensas ou desbordadas) do habitual, máis preocupadas pola redución da capacidade atlética e máis soas por mor do peche que os homes.
"As mulleres estaban significativamente máis cansas que os homes, con máis dificultades para durmir e máis consumo de tabaco"
“Durante o encerro, os resultados do noso estudo mostran que as mulleres estaban significativamente máis cansas que os homes, con máis dificultades para durmir e máis consumo de tabaco”, resumen os investigadores.
DIFERENZAS POR IDADES
Por idades, os menores de 26 anos mostráronse, en xeral, máis afectados pola pandemia. Segundo os resultados do estudo, estes recoñeceron sentir ter menos control de todos os aspectos da vida e máis anoxados que os maiores de 26, ademais de ter maior sensación de que se acumulaban problemas que non podían superar e anhelar máis a interacción con outros deportistas. Porén, o grupo de 26 ou máis anos estaba máis preocupado pola súa situación económica durante o confinamento.
Os investigadores tamén atoparon diferenzas entre os dous grupos de idade en relación a se aprobaron o confinamento imposto. No grupo menor de 26 anos, o 60,3% mostrouse a prol, o 12,7% en contra e un 27% non se posicionou, mentres que entre os de 26 ou máis anos o 65,2% estivo de acordo co peche, o 17% en contra e o 17,8% mostrouse neutral.
ORIENTACIÓN E AXUDA
Fronte a todos os problemas xerados pola covid-19, o 50,3% dos consultados afirmou que recibiu orientación da súa federación deportiva, sendo as mulleres as que percibiron esta axuda de forma significativamente maior que os homes.
Ademais, o 61,8 dos deportistas afirman que recibiron axuda dos seus adestradores, sendo esta axuda percibida en maior medida por atletas de 25 anos ou menos que os de 26 anos de idade ou máis.
Un 62,5 % dos deportistas consultados mostrouse a prol da suspensión dos Xogos, mentres que o 14,6% estivo en contra
Por último, os autores destacan que aínda que os Xogos Olímpicos son o evento deportivo máis importante para os atletas, dos que en gran parte dependen as súas bolsas e patrocinios deportivos, houbo un alto acordo sobre a suspensión dos Xogos de Tokio 2020 e o confinamento de atletas de alto rendemento: o 62,5 % estaba a favor dun aprazamento, o 14,6% en contra e o 22,9% non se posicionou.
“A situación causada pola covid-19 tivo efectos significativos sobre o comportamento, a percepción da ameaza, o estrés e os patróns de adestramento dos atletas olímpicos e paralímpicos participan nos Xogos de Tokio 2020”, expoñen os autores do estudo, que consideran “necesario que as institucións deportivas reforcen os mecanismos de axuda aos deportistas durante futuras situacións de encerro”.
Estes atletas, proseguen, “percibiron como a pandemia afectou negativamente os seus adestramentos e o seu mellor rendemento atlético, aínda que non afecte a recuperación do seu rendemento cando remate a pandemia”.
O estudo, en revisión, está asinado por María José Martínez Patiño e Francisco Javier Blas López, da Universidade de Vigo, canda a Michel Dubois, da Sorbonne Université (París, Francia), Eric Vilain, do Children's National Hospita (Washington D.C., EEUU) e Juan Pedro Fuentes García, da Universidad de Extremadura.
ESTUDO PREVIO
Previamente, Martínez Patiño, Blas López e Fuentes García publicaron hai un ano, en agosto de 2020, outro estudo sobre a percepción da ameaza persoal e profesional dos atletas olímpicos no marco da crise da covid-19. Naquel traballo –asinado canda a Ricardo de la Vega Marcos, da Universidad Autónoma de Madrid– abordaron os casos de 136 atletas olímpicos e 39 paralímpicos tras o aprazamento dos Xogos de Tokio 2020.
Naquel traballo, o que observaron foi que os olímpicos e paralímpicos mostraron unha percepción negativa do confinamento respecto aos seus adestramentos, pero non no seu rendemento. Pero foron os paralímpicos os que percibiron un maior impacto negativo no seu adestramento e rendemento polo confinamento que os olímpicos .
Tamén atoparon que os niveis de ansiedade entre os deportistas estaban en liña coa poboación non patolóxica, non mostrando ningún impacto da corentena na resposta á ansiedade dos atletas olímpicos e paralímpicos. Un feito que relacionan cos maiores recursos cognitivos e a grande experiencia destes atletas de alto rendemento para afrontar contextos de ansiedade como as competicións.
Os expertos consideran importante fomentar o adestramento psicolóxico en atletas de alto rendemento para manter un estado de ánimo positivo
Os deportistas tamén presentaron unha alta percepción da alarma social xerada pola pandemia, pero a preocupación por esta foi media, probablemente, din, debido á alta percepción de control e o coidado persoal para evitar o contaxio.
Os confinamentos foron percibidos polos atletas paralímpicos de forma máis negativa que os olímpicos no seu adestramento e rendemento, probablemente, argúen os investigadores, debido á súa limitación para adestrar na casa. “Ademais, e dado que reciben máis apoio das institucións públicas que os olímpicos, e este apoio depende dos seus resultados, son lóxicos estes valores máis altos neste parámetro”, engaden.
E tamén descubriron que os deportistas con alta inflexibilidade psicolóxica experimentaron os maiores sentimentos negativos, pensando que a corentena podía afectalos máis (a inflexibilidade psicolóxica é o concepto central da terapia de aceptación e compromiso, e defínese como un patrón ríxido de comportamento no que a persoa orienta as súas accións sobre a base das experiencias privadas momentáneas en lugar dos valores elixidos libremente).
Isto, argúen, “móstranos a importancia do adestramento psicolóxico en atletas de alto rendemento para manter un estado de ánimo positivo e estratexias de afrontamento máis flexibles e positivistas, parámetros fundamentais para acadar un alto rendemento deportivo”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.