Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 18:58
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) denunciou "malas prácticas" con cetáceos por parte dalgúns bañistas, navegantes e usuarios do mar.
"Desde hai anos as mandas de arroaces, son perseguidas e acosadas durante o verán desde que sae o sol ata que se pon". "Sobre todo cando frecuentan os principais portos deportivos de Galicia, entre eles destacan Baiona, Combarro, Sanxenxo e Portonovo", sinala a organización.
Nun comunicado, afirma ter constancia do "bo facer de moitos navegantes, que cando detectan a presenza de cetáceos son respectuosos coa lexislación vixente, coa presenza dos cetáceos e mesmo dan avisos á CEMMA para levar o rexistro destas especies".
Con todo, incide en que "ocasionalmente motos acuáticas e embarcacións deportivas persisten no acoso ás mandas". "Algúns mariñeiros tamén arremeten habitualmente contra eles cualificándoos de 'praga'", unha visión que cualifica de "falsa" e "distorsionada".
Por outra banda, apunta que anualmente morren máis de 70 arroaces en toda Galicia por causa das actividades pesqueiras. "Ademais, os arroaces das nosas costas son os máis contaminados de toda Europa e esta situación afecta á súa saúde".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.