Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2021 | Actualizada ás 22:20
A presenza de cianobacterias no Encoro das Conchas alarma aos ecoloxistas, que alertan da situación das súas augas. O pasado 26 de xullo a asociación Amigos da Terra anunciaba que o encoro nas Conchas, na zona de Portoquintela, no concello de Bande, presentaba un estado preocupante. Só 10 días despois volven poñer o foco sobre o lugar, pois produciuse un agravamento da situación, que agora afecta a zona de O Corgo-A Rola, no concello de Muíños.
O "bloom" de cianobacterias denunciado pola asociación vése favorecido polas altas temperaturas, máis horas de luz e un exceso de nutrientes, principalmente nitratos provintes das explotacións gandeiras da comarca da Limia. "Son o caldo de cultivo perfecto para que proliferen as ciaobacterias", apuntan dende a Amigos da Terra.
A zona afectada no concello de Muíños alcanzou o nivel máximo de risco de proliferación de cianobacterias. Neste Nivel 3, o reconto deses organismos supera as 100.000 células por mililitro, cuantifícanse toxinas ou detéctanse escumas en áreas onde pode existir contacto directo con bañiastas.
Estes resultados indican unha alta probabilidade de efectos adversos para a saúde, especialemnte a presenza de natas e escumas, polo que estaría prohibido bañarse nin realizar actividades acuáticas na zona de Portoquintela no concello de Bande e na zona de O Corgo-A rola.
Dende a asociación ecoloxista denuncian que se trata de episodios recorrentes que "non se solucionan se non se atalla a problemática da xestión dos residuos gandeiros". Ademais, recordan que nun informe realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica alertan do risco de contaminación por nitratos que existe nas augas dos ríos en varios puntos da comarca de Xinzo de Limia.
CONTAMINACIÓN NO ENCORO DAS FORCADAS
Dende Amigos da Terra recordan que o encoro das Forcadas, no concello de Valdoviño, se atopa en estado de alerta pola presenza de cianobacterias e que alcanzou o nivel de máximo risco de proliferación destas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.