Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2021 | Actualizada ás 22:15
O 12 de agosto de cada ano a Unión do Povo Galego (UPG) conmemora o aniversario do asasinato en 1975 do seu militando Xosé Ramón Reboiras Noia "por disparos da policía española" nun portal da Rúa da Terra, en Ferrol.
Desde a organización explican que a firmeza coa que afrontaron a "loita por unha Galicia soberana e socialista" foi o motivo polo que se perseguiron aos militantes de UPG e polo que asasinaron ao seu dirixente, Moncho Reboiras. "Tiña 25 anos cando a vida lle foi arrebatada polo terror fascista e desenvolveu un labor esencial na loita política, no combate ideolóxico e, especialmente na autoorganización do povo galego", explica a UPG nun comunicado.
Indica que a súa figura foi "unha peza fundamental" na constitución do Sindicato Obreiro Galego e que traballou "incandablemente" para dotar de medios e infraestruturas que permitiran "máis capacidade na loita política por un futuro de liberdade e soberanía para a nosa Patria".
Este ano, logo de 46 anos da súa morte, desde o partido queren amosar o seu "firme e activo compromiso militante e a nosa fidelidade á causa da independencia nacional de Galicia, á que o noso camarada entregou a súa vida". Tamén destacan que buscan ensinar o labor "fundamental" do militante para finalizar o comunicando indicando que a autoorganización é "o labor máis importnate que temos por diante porque é a ferramenta básica para que poidamos enfrontar con decisión o camiño da nosa liberdade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.