Por Patricia Otero | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2021 | Actualizada ás 22:00
A Covid foi unha situación que puxo a proba a reacción e a maneira de tomar medidas de todos os países. Ao longo do mundo os países reaccionaron de diferente maneira para facerlle fronte a unha situación nunca vista ata a actualidade e que puxo nun aperto aos gobernos. En España podemos estar máis de acordo ou menos ca maneira na que se tomaron as decisións pero, que pensan os emigrantes da xestión da pandemia nos seus países de orixe?
En xeral móstranse satisfeitos ca maneira na que o país reaccionou á Covid pero admiten que houbo erros. “Eu penso que España funcionou ben pero ningún país funcionou extraordinariamente porque non depende só da vontade nin da xestión do goberno. Depende de todos que funcione ben o círculo”, recalca Francisco Bustos, xubilado que vive en Chile.
Gastón Juan, avogado en Arxentina, engade que de España o que máis lle gustou foi a racionalidade ante a toma de medidas e a organización. “As decisións tiñan o respaldo sanitario e a cohesión de todos os organismos do estado”, aínda que tamén engade que un dos erros máis graves que cometeu o goberno foi “non haber escoitado ás autonomías desde o primeiro día e tomar decisións por libre” xa que isto causa inquedanza entre a poboación. “Ter á xente en vilo sen saber como son as cousas no medio dunha pandemia xera situacións que son complexas”, indica.
A Rodrigo Ares, estudante en Bélxica, unha das cousas que máis lle chamou a atención en España foi a loita partidista do goberno e a oposición. “Ves como os partidos se están pasando a pelota e os cidadáns merecemos solucións ou ver unha cordialidade institucional que creo que non houbo. Iso non é positivo á hora de tomar decisións e tampouco transmite á xente tranquilidade ou seguridade”, comenta Rodrigo.
De todas formas os tres afirman que se sentirían seguros se tiveran que viaxar agora a España a pesar de encontrarnos en plena quinta onda. “A maioría da poboación é prudente e responsable, os protocolos respéctanse e hai códigos cidadáns que hoxe en día non están rotos. Hai un respecto enorme e en contexto de pandemia para min é fundamental”, di Gastón.
A VACINACIÓN OU OS BOTELLÓNS, ENTRE AS NOTICIAS QUE TRAMISTEN OS MEDIOS ESTRANXEIROS
No estranxeiro os medios de comunicación tamén foron informando de como transcorría a situación en España. Entre as noticias que máis circularon estivo a velocidade de vacinación, o reparto de doses entre comunidades ou os botellóns e xuntanzas masivas que fixeron que se reactivara o virus. Ademais, tamén foi habitual que se falaran das restricións de viaxes. Ante a pregunta de se había diferencia entre o que contaban os medios estranxeiros e os españois, indicaron que non se notaban moitas diferencias, deixando de lado as redes sociais onde Gastón describe que se “formulaban auténticas barbaridades”.
EN BÉLIXCA ADVIRTESE UNHA "FALTA DE CONTROL" NAS MEDIDAS
Ao igual que en España, en Bélxica tamén houbo un confinamento en marzo no ano pasado pero non tan restritivo como aquí, xa que, como comenta Rodrigo, alí deixaban á xente saír á rúa. As medidas tamén foron cambiando e os restaurantes e bares estiveron pechados durante varios meses, xa que chegou a ser o país con máis mortos por habitante. En canto á vacinación explica que “quen non se vacina é porque non quere” xa que en Bélxica non hai cita previa e incluso hai autobuses que pasan polas rúas onde a xente pode ir vacinarse.
Con todo, para Rodrigo o máis rechamante da xestión en Bélxica é a pouca concienciación e a falta de control. “Eu o que noto sobre todo é que aquí non hai esa concienciación de uso de máscara, distancia... non se toma tan en serio. Eu botei en falta un pouco máis de control nas medidas porque incluso cando había toque de queda non se cumpría e non había ningún tipo de control”. Indica que a maior parte das medidas que se puxeron non se cumpriron.
EN ARXENTINA A XESTIÓN “FOI UN DESASTRE”
Gastón comenta que en Arxentina non tiveron en conta o que pasaba en Europa e pensaron que ata alí non ía a chegar o virus, o que fixo que “a xestión fose mala”. En Arxentina tiveron unha das corentenas máis longas do mundo. “Estivemos máis dun ano completamente pechados e sen ningunha actividade. Iso á economía fíxolle un dano importantísimo”, destaca.
A vacinación tamén foi un auténtico caos. En principio en Arxentina pensábase que a primeira vacina que ía chegar era a Pfizer porque foi un dos países que aportou voluntarios pero “aínda hoxe Arxentina non ten Pfizer”. Pola contra, si que se aprobou un acordo con Spútnik, “no que se deu a coñecer que sa falaba máis dunha cuestión ideolóxica que cun tema sanitario. Isto fixo que moita xente tivera desconfianza e non fora vacinarse”.
Ademais Gastón engade que moita xente leva esperando tres meses para que lle administren a segunda doses da Spútnik, pero a día de hoxe aínda non se sabe que vai pasar con esa segunda vacina “porque Rusia non lle responde ao goberno”. Asemade, no momento no que chegaron as vacinas “os primeiros en vacinarse foron os funcionarios e os amigos. Deuse a coñecer un listado de preto de 400 persoas que sen ningunha excepcionalidade foron vacinados”, o que deixa en evidencia a mala xestión do país suramericano.
EN CHILE XA CA TERCEIRA DOSE
No outro lado Francisco si que ve boa a xestión que Chile fixo do coronavirus. Destaca que fixeron un estado de alarma que funcionou rápido e que todos os políticos se puxeron de acordo para poder executar rápido. Tiveron que facer corentena durante tres meses pero que agora pouco a pouco se está volvendo a normalidade. “Os restaurantes xa poden ter máis xente, están comezando a haber concertos con público e xa vai a haber fútbol con público”, indica.
En canto á vacina en Chile compráronse moi rápido e na actualidade hai seis autorizadas – Pfizer, AstraZeneca, Sinovac, Janssen, Spútnik e CanSino- e xa se lles está colocando a terceira dose ás persoas de máis de 55 anos. Tamén indica que o sistema de vacinación funciona bastante ben e que agora hai arredor do 83% da poboación vacinada con dúas doses.
En Chile é obrigatorio o certificado Covid para acceder á hostalaría e Francisco móstrase moi contento con esta medida porque “os novos eran recios a vacinarse e agora este grupo foi aumentando porque o certificado lles permite máis liberdades”, explica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.