Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/08/2021 | Actualizada ás 11:06
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insta a Xunta a acoller refuxiados de Afganistán, como outras comunidades autónomas. "É o momento da solidariedade coas persoas que foxen do terror e a violencia", afirma.
Desde Monforte, pediu ao Executivo galego "que se poña inmediatamente a disposición do Goberno de España para acoller a persoas refuxiadas de Afganistán". Galicia "ten que ser unha comunidade acolledora", incidiu.
Os socialistas galegos, segundo avanzou, levarán unha batería de iniciativas ao Parlamento para pedir a "cooperación" de Galicia, "preocupados e arrepiados polo que está a ocorrer en Afganistán".
Xuventudes Socialistas, pola súa banda, lamentou a situación que se está vivindo en Afganistán e pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "abandone o seu silencio" e poña a disposición infraestruturas en Galicia para acoller a persoas refuxiadas, "tal como ofreceron gobernos socialistas, como os de Aragón e Baleares, ante unha nova crise migratoria", sinala nun comunicado en referencia ás propostas doutras comnidades autónomas.
Desde esta organización, fan "un chamamento á sociedade galega para velar entre todas e todos polos dereitos das persoas afgás, que están a vivir un inferno en vida no país".
Xurxo Doval, representante de XSG, reclama ao presidente da Xunta que "mostra o seu tan 'famoso' compromiso feminista", sinala en referencia á situación das mulleres afgás, e "siga os pasos" doutras autonomías "transmitíndolle ao presidente Sánchez que Galicia acollerá as vítimas desta guerra".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.