Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2021 | Actualizada ás 15:47
O BNG de Santiago de Compostela homenaxeou este mércores ao último alcalde republicano da cidade, Ánxel Casal, no 85 aniversario do seu asasinato e pediu que se inclúa na Lei de Memoria Democrática esclarecer a verdade sobre o asasinato do político, xa que se trata dunha figura "fundamental" para o galeguismo previo ao golpe de estado, tanto a nivel político como cultural.
Ademais, solicitou que o Estado active a presentación da demanda para recuperar as estatuas do Mestre Mateo que están en posesión da Familia Franco, ademais de reivindicar a "necesidade" de que se produzan máis políticas públicas de memoria.
Así, no acto deste mércores participaron as concelleiras municipais do BNG, Goretti Sanmartín e Navia Rivas, ademais do investigador e escritor do libro 'Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio', Carlos Cabío.
COMISIÓN DE MEMORIA
Doutra banda, a formación nacionalista requiriu que se poña en funcionamento a Comisión de Memoria, impulsada polo BNG no Concello de Santiago.
En concreto, o labor desta comisión é, entre outras cuestións, retirar simboloxía franquista do municipio ou recuperar nomes de persoas que sufriron a represión franquista na nomenclatura das rúas, como é o caso da republicana galega Consolo Otero Rial, nacida en Compostela.
Ademais, a portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, afirmou que a formación nacionalista proporá nun pleno en Santiago recuperar o premio de literatura 'Ánxel Casal' nas modalidades de poesía, conto e teatro dirixido a estudantes.
"MELLORAR" A MEMORIA
Pola súa banda, Carlos Babío asegurou que foi "a loita social" a que mantivo a memoria do Pazo de Meirás e que corresponde á Lei de Memoria Democrática "mellorar" dita memoria.
Nesta liña, a concelleira Navia Rivas destacou que, con memoria, poderase construír un futuro "máis igualitario e xusto" e enxalzou a Ánxel Casal como unha "peza fundamental" na "loita polos dereitos do pobo galego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.