Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2021 | Actualizada ás 10:00
H., estudante afgán a quen manteñen no anonimato, estivo fai tres anos en Galicia cun intercambio universitario. Durante uns 14 meses, o mozo creou lazos coa nosa terra, aos que agora recorre para pedir axuda.
A conquista de Afganistán por parte dos talibáns mantén en vilo a toda a súa poboación, que busca desesperadamente axuda. É o caso de H., que como último recurso recorreu aos seus excompañeiros galegos, que decidiron abrir unha campaña na plataforma de Change.org para recoller firmas e tentar botarlle unha man.
Carlos Mourelle foi quen comezou a iniciativa, tras recibir unha mensaxe de H. "El básicamente o que me dixo foi: sei que está mal o que che estou pedindo, pero axúdame", comenta Mourelle, quen non dubidou en falar con amigos e coñecidos para dar a coñecer a situación do seu amigo.
AXUDA PARA H.
A recollida de firmas iniciouse o 17 de agosto, e xa acumula máis de 40.000 sinaturas. Con isto, os estudantes pretenden chegar a máis xente e buscar apoios a nivel legal e burocrático, por iso tamén abriron un correo, amigosayudandoah@gmail.com, para que calquera persoa que poida axudar, contacte con eles. Unha vez posta en marcha a petición, a plataforma tamén se puxo en contacto cos estudantes para aconsellalos.
Tendo en conta que España mandou avións militarias para repatriar persoal da embaixada en Afganistán e a diversos colaboradores, os compañeiros de H. piden ao Ministerio de Asuntos Exteriores e ao Ministerio de Defensa "que permitan a H. vir a España en calidade de refuxiado". "Cremos que o momento para conseguri sacar a H. e á súa familia de Afganistán é agora", afirman a través de Change.org.
Polo de agora, aínda que a conexión non sempre é boa, Mourelle segue en contacto con H, quen lle describe que a situación que está vivindo é desesperante: "O que nos di é que está coa morte asexando detrás de cada esquina. El pediunos axuda no último minuto de partido por intentar todo o posible".
H. segue na súa casa coa súa familia e, segundo conta Mourelle, unha das opcións do mozo era ir ata Pakistán "pero non se pode arriscar a ir e que o manden de volta". Tamén intentou contactar coas diferentes embaixadas, das que tampouco recibe resposta. Porén, os estudantes galegos confían en poder axudalo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.